O sector agrario esperta o interese dos veciños de Ribadumia nunha sesión informativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Sesión informativa

Sesión informativa

Foron moitos os veciños que se acercaron hoxe a Casa da Cultura de Ribadumia para asistir a unha sesión informativa, organizada polo Concello, sobre actualidade no sector agrario.

Os poñentes: Evaristo e Laura Rodríguez da Oficina Agraria Comarcal de Vilagarcía, Crisanto Rial xerente da Asesoría – Seguros Rial & Hermo e o Técnico Municipal do Concello Carlos Urdampilleta, relataron de forma altruísta os trámites xerais a ter en conta no sector agrícola.

Dende a Asesoría e Seguros Rial & Hermo, o seu xerente, Crisanto Rial comezou a sesión explicando as peculiaridades do Réxime Especial Agrario na Seguridade Social, así como o tratamento pola Axencia Tributaria dos ingresos procedentes deste sector. Tamén se fixo unha mención especial a compatibilidade con algunha das prestacións do Servizo Público de Emprego.

Pola súa banda, o Técnico Municipal Carlos Urdampilleta fixo mención, dende o punto de vista urbanístico, os distintos tipos de terreos e a necesidade de licencias e permisos para as distintas construcións agrícolas, xa que non é certo o dito popular “na miña fago o que quero”.

Dende a Oficina Agraria Comarcal o Xefe de área destacou a importancia da alta das explotacións agrarias e gandeiras así como a necesidade de inscrición nos rexistros existentes, a tenencia de libros de explotación e tratamentos e os requisitos formais para a aplicación de fitosanitarios. Tamén resaltou a necesidade de formación para constituírse como agricultor profesional.

O tema que xerou mais preguntas entre os asistentes foi sobre a tipoloxía de axudas e Subvencións así como as posibilidades de formación neste sector.

A concelleira de Promoción Económica e Social, Sonia Garanger, valorou moi positivamente a charla, por ser este sector un nicho de emprego que pode dar orixe a novos postos de traballo e neste punto, o Concello de Ribadumia, trata de promover as iniciativas necesarias.

18 de decembro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.