publicidade hoxe

O Santiago Futsal xogará o derbi coa Copa xa asegurada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Todo está preparado para a gran festa do fútbol sala galego que se celebrará mañá sábado 7 de decembro no Multiusos Fontes do Sar, onde o Santiago Futsal recibe ao Burela Pescados Rubén a partir das 18h.

Os de Santi Valladares, xa clasificados para a Copa de España tras a derrota onte dos Ríos Renovables Ribeira de Navarra por 0-4 ante Magna Navarra, buscarán mañá pechar a súa primeira volta perfecta en casa sen ceder nin un só punto, ante un rival ao que non lograron gañar nunca en Liga, aínda que na pretemporada enfrontáronse en 3 ocasións con 2 vitorias para os santiagueses e unha para os da Mariña que levaron nos penaltis.

Xunto a estes alicientes, súmase o feito de que o Burela, actualmente oitavo na clasificación con 15 puntos, buscará unha das últimas prazas para Logroño. Tamén suporá a volta ao Multiusos de dous ex do Santiago Futsal, Álex e Hugo, así como o reencontro de Hugo Sánchez co seu ex equipo.

Sobran motivos  para non perderse este encontro que promete non pasar desapercibido nesta décimo cuarta xornada, e que será retransmitido en directo pola segunda canle da TVG. Con todos os xogadores dispoñibles, exceptuando a Mario Costa, Santi Valladares deixou fóra a Palomeque e Pablo Tallón, polo que a convocatoria complétana: David, Barroso, Loito, Eloy Vermellas, Juanjo (p), Hugo, Raúl (p), Chus, Santi, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os árbitros do encontro son Sanzol Goñi e Urdanoz Apezteguia do colexio navarro.

Sala de prensa

Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou en rolda de prensa que “dun día para outro o noso obxectivo cambiou e tras o resultado de onte, a nosa visión está máis que en tres puntos para a Copa en sumar tres puntos para distanciarnos o máximo posible en vistas ao play-off. Hai que ter en conta que si o Burela gaña aquí está na Copa, polo que virá con todo, pero que non se esperen que se van a atopar un equipo relaxado por ter xa a clasificación, nin moitísimo menos”.

Analizando ao seu rival, o adestrador do Santiago Futsal afirma que “o Burela fixo moi boas fichaxes a principio de tempada, pero iso hai que axustalo e leva o seu tempo. Aínda así, está en postos de Copa e o seu obxectivo teno moi preto. Ten un persoal de xogadores de moitísima calidade técnica, teñen un para un, control e pase, unha gran portaría”.

O técnico santiagués engade que espera un “partidazo de fútbol sala, pola nosa banda porque nos vexo adestrar e dalo todo, e pola de Burela porque se xogan a Copa e estou seguro que o van a dar todo. Espero un partido que sexa un auténtico espectáculo, porque os dous queremos gañar e ningún dos dous vai saír a especular”.

6 de decembro de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.