O Santiago Futsal pecha o ano con vitoria ante o Hospital Llevant Manacor no Multiusos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Instante do encontro

Instante do encontro

O Santiago Futsal sumou tres puntos ante Hospital Llevant Manacor tras vencer 3-1 nun partido dominado polos santiagueses, sobre todo na segunda parte, onde os de Tomás de Deus acusaron a falta de rotacións e apenas xeraron perigo sobre a portaría manacorí. Con este resultado, o Santiago Futsal continúa invicto en casa e segue ocupando a sexta praza con 26 puntos.

O partido comezou con moita intensidade e coas intencións claras por parte de ambos os equipos. Pazos foi o primeiro en tentalo sobre a portaría de Miguel Medina, pero tamén tiveron as súas ocasións Loito ou Barroso nos primeiros minutos. Manacor achegábase timidamente á portaría defendida por Raúl e a punto estiveron de adiantarse no marcador tras dúas ocasións, a primeira que sacou moi ben Hamza na súa área e a segunda tras un saque de esquina que golpeou no poste. Un minuto despois chegou o gol de Santiago Futsal que inauguraba o marcador tras un gran pase de Loito que rematou Barroso na portaría de Manacor. Co partido dominado polos santiagueses, Tomás de Deus decidiu vestir a Veiga a 5 minutos do descanso para ter posesión, pero finalmente optou por finalizar atacando de catro, tras chegar ás 5 faltas a un minuto do descanso.

A segunda parte foi moito máis clara para o Santiago Futsal, que dominou en posesión e en ocasións, ante un Hospital Llevant Manacor que acusou o cansazo físico e apenas chegaba con perigo á portaría de Raúl. Cara ao ecuador da segunda parte, Palomeque marcou o segundo tras roubar no medio campo e pasar o balón a Pazos que lla devolveu para marcar un golazo. Un minuto despois chegou o gol de Manacor tras un erro dos locais, que transformou Bruno Taffy. A 3 minutos do final, Veiga volveu vestirse de porteiro-xogador para tratar de empatar o partido, pero a 44 segundos do final, Barroso volveu marcar sentenciando o partido. 

Sala de prensa

Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou que “en liñas xerais fomos superiores. Foi clave porse por diante, nesta partido máis que en calquera outro, sobre todo polo coñecemento que temos os dous equipos uno do outro. Aínda así o equipo estivo inmenso en defensa, disciplinado tácticamente, os mozos estiveron, unha vez máis, de sobresaliente”.

Pola súa banda, Tomás de Deus, técnico de Hospital Llevant Manacor, afirmou ao final do partido que “a primeira parte roubamos en 3 ou 4 accións, que non materializamos e foi unha das claves do partido, porque a estratexia do segundo tempo fose diferente. A segunda parte a nós faltounos profundidade, non puidemos roubarlle o balón a Santiago e iso creounos moitísimos problemas”.              

Ficha do partido

Santiago Futsal: Raúl, David, Barroso, Loito e Pazos (cinco inicial), Hamza, Hugo, Eloy Vermellas, Palomeque e Chus

Hospital Llevant Manacor: Miguel Medina, Vadillo, Taffy, Joselito e Joao (cinco inicial), Chicho, Veiga e Pablo Salgado

Goles: 1-0 Barroso (min 11), 2-0 Palomeque (min 29), 2-1 Joao (min 31), 3-1 Barroso (min 39)

Árbitros: Arce Ruiz e de Juana González do colexio cántabro

Amoestacións: Cartón amarelo para Raúl e Eloy Vermellas do Santiago Futsal  

Incidencias: Partido correspondente á décimo sétima xornada de liga, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante máis de 1500 espectadores.

28 de decembro de 2013 | 22:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.