O Santiago Futsal é galardoado pola súa acción social nos Premios Santiago Deporte
Onte pola noite tivo lugar a Gala de Premios Deporte Santiago no Auditorio de Galicia, onde se entregaron nove galardoes que recoñecen publicamente a persoas, entidades, centros educativos ou empresas, polo seu labor deportivo no ano 2013.
Entre os galardoados atopábase o Santiago Futsal, que recibiu o premio á “Mellor actividade ou acción social”. O presidente do club, D. Ramón García, foi o encargado de recoller o premio, agradecendo ao Concello de Santiago e á Concellaría de Deportes este recoñecemento, afirmando que “os clubs de elite teñen a obrigación de orientar boa parte dos seus recursos aos sectores máis desfavorecidos, sobre todo nunha época de crise como a que estamos a vivir”.
Ademais, o presidente do Santiago Futsal engadiu que “o deporte tal e como o entende o Santiago Futsal non é só unha actividade física. O deporte é saúde e formación de valores, e isto ten que transmitirse desde o máis básico”. Tamén lembrou que “cando xurdiu a futsalvación, un dos xestos que máis forza nos deu, foi que 20 asociacións, a maioría benéficas, unísense para pedir a supervivencia do noso club, algo que significaba que o noso traballo calara fondo”.
Por último, D. Ramón García sinalou que “a sociedade devolve na mesma medida en que lle dás, e iso está por encima de calquera éxito deportivo. O noso deber é seguir traballando nesta liña e este premio non fai máis que reforzar o noso traballo”.
Con este premio recoñécese o gran labor social do club á hora de organizar xornadas de divulgación dos valores do deporte en colexios e campus de formación, ademais de partidos benéficos a favor de asociacións como Xuntos Podemos, Federación Española de Fibrosis Quística, Sarela, etc.
Desde o club queremos felicitar tamén ao resto de premiados e agradecer ao Concello de Santiago o seu recoñecemento ao club por este labor social.











