O rexedor vigués insisite en que se “pode ser tenente de alcalde de Vigo e deputada”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, posicionouse este xoves novamente en defensa do seu tenente de alcalde, a concelleiro de Urbanismo Carmela Silva, na polémica sobre a norma de incompatibilidades no PsdeG, e insistiu en que “se”pode ser tenente de alcalde de Vigo e deputada”.
O rexedor olívico fixo esta manifestación nunha comparecencia ante os medios, aos que estaba a informar sobre a viaxe que realizou nas últimas horas a Bruxelas, como vicepresidente da FEMP, no marco das accións en defensa da autonomía municipal e contra a reforma local que pretende levar a cabo o Goberno central.
Caballero enumerou os cargos políticos cos que se reuniu, entre eles con Sylvie Guillaume, tenente de alcalde do municipio francés de Lyon e eurodeputada (vicepresidente do grupo SD).
Nese punto da súa intervención proclamou “pódese ser tenente de alcalde de Lyon e eurodeputada, e pódese ser tenente de alcalde de Vigo e deputada”, en referencia a Carmela Silva. “É o que facemos as grandes cidades”, sentenciou.
A situación de Carmela Silva ocasionou disputas internas no seo do PSdeG, a raíz da norma dun ‘militante, un cargo’ impulsada polo anterior secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez.
O novo líder do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, eludiu pronunciarse publicamente sobre o caso concreto de Silva, aínda que declarou que é partidario da norma de incompatibilidades. Mentres, o grupo de afiliados críticos da agrupación socialista viguesa reclamou ao novo secretario xeral que faga cumprir esa norma no caso da edila e deputada da cidade olívica.