O rexedor de Ferrol lamenta o retraso na adxudicación dos floteis e insiste na necesidade de carga de traballo inmediata
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asegurou esta mañá, logo de coñecer na tarde de onte que a petroleira mexicana Pemex anunciaba un novo retraso na adxudicación da construcción de dous floteis nos estaleiros galegos, seguir mantendo a súa confianza na materialización deste contrato que suporía carga de traballo inmediata para o estaleiro ferrolán. Así as cousas, o primeiro edil da cidade manifestaba que “lamentablemente Ferrol terá que seguir esperando un mes máis pero estou convencido de que este novo retraso entra dentro do previsible neste tipo de procesos” e que o acordo coa petroleira Pemex “segue plenamente vixente”.
Nesta liña, Rey Varela insistía en que “todo Ferrol seguirá a mirar para México nas vindeiras semanas, como tamén estaremos moi pendentes do que suceda en Madrid”. E, ao fío, o rexedor reiterou que “seguiremos solicitando de cantos teñen responsabilidade en Madrid que traballen arreo para sacar da difícil situación que atravesa a nosa comarca pola inactividade de Navantia”. “É fundamental romper con seis anos de seca”,insistía ao respecto Jose Manuel Rey, “e a dirección de Navantia-Madrid está obrigado a impulsar as accións comerciais necesarias para dotar de carga de traballo ao naval ferrolán”.
Finalmente, o alcalde de Ferrol insistiu na súa confianza na petroleira mexicana Pemex pero reiterou a necesidade “polo ben dos nosos estaleiros de que as dúbidas que pesan sobre estes contratos se despexen cánto antes”.











