O rexedor de Carballo asina convenios de colaboración coa Asociación Antidroga Vieiro e ANPA A Braña do CEIP Canosa-Rus
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Casa do Concello dous convenios de colaboración con dúas entidades do municipio. Así, en primeiro lugar, e xunto co presidente da Asociación Antidroga Vieiro, José Manuel Vázquez Gómez, subscribiu un acordo que ten por obxecto a realización de programas de prevención en drogodependencias, adiccións e atención da protección da saúde. Isto inclúe levar a cabo a planificación, establecemento de criterios, guías, programas e procedementos establecidos nos programas de trastornos aditivos en Galicia. Así mesmo, a través das axudas establecidas no convenio, Vieiro emprenderá accións de prevención, información e educación para a saúde e en materia de adiccións no ámbito de actuación do Concello de Carballo, ademais de realizar as prestacións socio sanitarias que correspondan en coordinación coas concellarías de Sanidade e de Benestar do Concello de Carballo e tendo en conta a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). Estas accións respectarán os criterios de universalidade, anonimato, voluntariedade, equidade e gratuidade para os beneficiarios ou beneficiarias. A achega municipal, que tamén contribuirá ao mantemento dos gastos correntes da sede da Asociación Vieiro, de titularidade municipal, ascende a 6.000 euros dos orzamentos xerais do Concello para 2013.
Durante a mañá do xoves 5 de decembro, o Alcalde, Evencio Ferrero, subscribiu un segundo convenio de colaboración, neste caso coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) A Braña do CEIP Canosa-Rus, que rafiticou a súa presidenta, María Isolina Loureiro Tasende (na imaxe). O obxectivo deste segundo acordo é axudar ao fomento, promoción e difusión do deporte en idade escolar. Así, a ANPA A Braña organiza programas de actividades extra escolares de carácter cultural e educativo dirixidos a nenos e nenas, veciños e veciñas das parroquias carballesas de Rus e Entrecruces, e principalmente alumnado do CEIP Canosa-Rus. O Concello contribúe deste xeito á realización deste tipo de iniciativas que contribúan á mellora da formación e da calidade de vida dos escolares, especialmente as actividades de carácter deportivo sen ánimo de lucro, incidindo na aprendizaxe de certas destrezas orientadas ao enriquecemento motriz xeral e nos valores intrínsecos na práctica do deporte. O Concello de Carballo achega un máximo de 6.000 euros para a realización destas actividades repartidos en dous períodos: entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2013 con 1.560 euros; e entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de 2014 con 4.440 euros. O Concello de Carballo comprométese a asignar o crédito suficiente nos orzamentos municipais de 2014.