O rexedor de Ames reúnese coa directora xeral de Conservación da Natureza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, mantiveron un encontro de traballo coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, para abordar cuestións claves para o municipio amiense desde o punto de vista da protección medio ambiental, especialmente do espazo Rede Natura.

Na reunión, celebrada en Santiago de Compostela, o rexedor amiense e a concelleira expuxéronlle á directora xeral as iniciativas que o Concello de Ames está levando a cabo e que teñen como obxectivo poñer en valor os espazos do municipio incluídos na Rede Natura, poñendo en marcha actuacións que melloren a súa difusión, recuperación e conservación. Parte destas actuacións realizaranse grazas á concesión dunha axuda de 20.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Deste xeito, levaranse a cabo nos próximos meses un conxunto de actuacións encamiñadas á mellora da conservación dos hábitats naturais de ribeira nas marxes do río Sar, ao seu paso polo concello de Ames, dentro da área LIC da Rede Natura 2000. O obxectivo prioritario é a preservación da vexetación de ribeira existente para conseguir o asentamento dun corredoiro fluvial formado pola vexetación autóctona. Para iso, acometerase a limpeza das especies vexetais invasoras mediante diferentes técnicas.

Estas actuacións permitirán continuar co traballo desenvolvido en anos anteriores co que se busca a mellora da situación do cauce situado á beira do río Sar. Grazas a outra axuda da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, concedida en 2011, o Concello de Ames puxo en marcha un proxecto piloto de técnicas de restauración de marxes e ribeiras do río, ao que agora se lle dá continuidade. No marco desta subvención, o que se realizou foi a selección de cinco zonas do Sar e procedeuse a levar a cabo en cada unha delas unha técnica de restauración diferente, co obxectivo de observar os resultados obtidos e poder trasladalos a outras zonas do río. Nese proxecto empregáronse as seguintes técnicas: de estaquillado modificada, de fajinas, de escalóns de matorrais, de entramado vivo e de trenzado vivo.

Campaña de información e sensibilización

Ademais, o alcalde de Ames e a concelleira explicáronlle que o Concello levará a cabo unha completa labor de difusión da existencia dun espazo Rede Natura en Ames. O obxectivo desta difusión é potenciar o coñecemento da existencia dun espazo Rede Natura no Concello e o coñecemento do valor ambiental do mesmo, coa finalidade de acadar a sensibilización da poboación. Tamén se informará dos usos permitidos, prohibidos e suxeitos a autorización.

Na reunión, o rexedor e a concelleira tamén abordaron o proxecto do Concello de Ames de acondicionar e proceder a sinalizar unha nova senda peonil pola zona Rede Natura, establecendo un trazado que aproveite camiños tradicionais de monte.

18 de decembro de 2013 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.