O rexedor da Laracha reúnese en Santiago co Director Xeral de Xuventude e Volutariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Instante da reunión

Instante da reunión

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e o edil Jesús Souto mantiveron hoxe unha reunión no edificio administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela, con Ovidio Rodeiro, o Director xeral de Xuventude e Voluntariado.

O motivo da xuntanza co máximo responsable deste organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia valorar o desenvolvemento das actividades realizadas durante os últimos meses, estudar as diferentes liñas de subvencións e programas que convocará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e, en base ás mesmas, analizar as posibilidades de poñer en marcha no Concello da Laracha novas iniciativas durante o próximo ano dirixidas á mocidade.

Tales propostas estarían relacionadas, entre outras, co desenvolvemento de campañas dirixidas, por exemplo, a reforzar o carné xove tratando de incrementar tanto a cifra de usuarios como o número de establecementos adheridos a este programa.

Outras das iniciativas que poden ser de interese para o Concello da Laracha estaría relacionada coa posta en marcha de actividades dirixidas a voluntarios, así como de campos de traballo que xirarían en torno a unha temática medioambiental.

Por medio destas e doutras iniciativas o Concello da Laracha, coa imprescindible colaboración da Xunta de Galicia, pretende fomentar o dinamismo e o asociacionismo entre a xuventude do municipio e dar resposta ás inquedanzas dos mozos, ofrecéndolles a posibilidade de participar en enriquecedores programas de voluntariado de tipo cultural, educativo e ambiental.

Na Casa do Concello da Laracha está a disposición de todos os mozos laracheses a Oficina de Información Xuvenil, na que poden informarse dos diferentes programas e iniciativas que se ofrecen ao seu grupo de idade desde calquera das administracións (Concello, Deputación, Xunta de Galicia e Goberno Central).

5 de decembro de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.