O reparto dos fondos do POS permitirá remodelar o deteriorado parque da Xunqueira
O alcalde, Tomás Fole, recibiu con moita satisfacción a resolución adoptada pola Deputación Provincial de Pontevedra atendendo á solicitude de fondos realizada polo goberno local para poder acometer coa maior urxencia a demandada e necesaria reforma do Parque da Xunqueira. Os 400.000 euros concedidos polo organismo que preside Rafael Louzán permitirán actuar a fondo no parque, en especial nas zonas máis afectadas como o pavimento dos paseos, e as canchas de deportes. A resolución do reparto dos fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación tamén concede unha partida para mellorar o Pavillón de Castelao, entre outras actuacións.
O rexedor local congratulouse de que a Deputación teña atendido a petición do goberno local concedendo a Vilagarcía os fondos do POS que lle correspondían no reparto máis a suma solicitada a través dos fondos de libre disposición dentro deste mesmo plan. “Isto evidencia que o presidente comparte a idea que ten este goberno da urxente necesidade de reformar o parque de forma integral e non con pequenos parches”. Esta inxección de fondos permitirá comezar as esperadas obras na primeira parte do vindeiro ano.
Aínda que a actuación concreta terá que plasmarse nun proxecto, o que ten claro o goberno é que se substituirá e mellorará o firme das zonas de paseo, especialmente a do paseo central que está completamente levantado pola acción das raíces das árbores, reformarase e mellorarase as canchas deportivas e tamén se acondicionarán as zonas veredes. Por outro lado, o rexedor lembrou que, independentemente deste proxecto, xa está prevista a instalación de caucho na segunda zona infantil e a renovación dos xogos, actuación que tamén financiará a Deputación e que dará continuidade á realizada hai uns meses.
O reparto dos fondos do POS tamén permitirá levar a cabo outras importantes obras en Vilagarcía, como por exemplo o acondicionamento e mellora do pavillón de Castelao, así como outras que se irán adiantando nos vindeiros días.











