O PSOE de Ordes mostrará o seu apoio ao POS 2014 despois de que se inclúan as súas propostas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Ordes, Xesús Pedreira, anuncia que votará a favor da proposta da Alcaldía sobre o Plan de Obras e Servizos (POS) en 2014 na sesión plenaria do vindeiro xoves 19 de decembro despois de que na comisión celebrada hoxe fosen aceptadas todas as propostas socialistas. Unhas propostas que ascenden a 150.000 euros e que inclúen reivindicacións trasladadas polos veciños ao PSOE de Ordes e que xa tiñan presentado ao longo do ano.

Xesús Pedreira amosa a súa satisfacción por este acordo, “especialmente pola inclusión no POS 2014 da instalación dun sistema de bombeo na Brea, na parroquia de Ardemil, pois foi unha obra que pedimos moitas veces para dar saída a máis de dous quilómetros de saneamento que non podían dar servizo aos veciños por non contar con ese bombeo”. Agora, tras un investimento de 75.000 euros, os veciños desta localidade poderán disfrutar do servizo de saneamento.

Ademais, Pedreira Mirás adianta que “non descartamos seguir ampliando nun futuro o saneamento na parroquia de Ardemil, pois queremos que se instale unha pequena depuradora na contorna de Vilasenín para dar servizo ás localidades de Raposeiras, Orellán de Arriba e de Abaixo, e Porta de Nó. Sería un importante servizo para estas localidades, nas que viven máis de 250 veciños”.

Outras obras

Ademais do bombeo da Brea, o grupo de Goberno do Concello de Ordes tamén aceptou as propostas de mellora dos socialistas para a rede viaria municipal:

– o acondicionamento da pista da Codeseda, na parroquia de Leira, para a que se precisarían uns 18.000 euros

– a reparación do vial que comunica A Espenica co Regueiro, na parroquia de Ordes (18.000) euros

– a dotación de aglomerado en quente para o tramo que une a N-550 coa zona da Fraga, a altura da gasolineira (15.000 euros)

– o arranxo da pista que vai desde a Igrexa ata O Ludiño, en Pereira (6.000 euros)

– a preparación dos camiños entre O Carballo e A Casanova (7.000 euros) e desde a Ameixeira ata a AP-9 (5.000 euros), na parroquia de Vilamaior.

 

 

13 de decembro de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.