O Programa de Nadal de Oroso inclúe unha vintena de actividades totalmente gratuítas
O Concello de Oroso vén de presentar o seu Programa de Nadal 2013-2014, que inclúe un total de vinte actividades para todos os gustos e idades. Vinte actividades que combinan actividades tradicionais destas datas (cabalgata, belén vivente, visita dos Paxes Reais ou concerto de panxoliñas) con outras actividades de ocio e cultura: música, teatro, concursos, excursións, bailes, monicreques… Unhas actividades que, salvo o programa de conciliación Díver Nadal, son de participación totalmente de balde.
A día de hoxe, xa están convocados tanto o Concurso de Postais de Nadal con Mensaxe como o Díver Nadal. O Concurso de Postais de Nadal está dirixido a rapaces e rapazas de máis de 4 anos, que deberán presentar as súas propostas nun formato de 21×15 centímetros na biblioteca municipal de Sigüeiro antes do vindeiro 23 de decembro. O Concello de Oroso estableceu 4 categorías de idade e os gañadores recibirán un lote de libros.
Polo que respecta ao Díver Nadal, este programa de conciliación familiar dirixido a nenos e nenas en idade escolar (3 a 12 anos) terá lugar nas instalacións do CEIP de Sigüeiro ao longo de 10 días correspondentes ás vacacións de Nadal. Os prezos oscilan entre os 62 e os 145 euros, dependendo do número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5 ou 8 horas) e de se vén xantado da casa ou non. O Concello de Oroso mantén o desconto do 20% para familias numerosas e para aquelas nas que participen dous irmáns. As inscricións deberán formalizarse no centro cultural antes do 16 de decembro.
Actividades
O programa de actividades dará comezo o venres 13 de decembro co tradicional Belén Vivente da gardería de “A Ulloa”. Os meniños e meniñas da gardería municipal volverán representar o nacemento de Cristo nun espectáculo musical que dará comezo ás 18:30 horas.
O sábado 14 de decembro dará comezo a primeira das cinco actividades incluídas dentro da Campaña de Animación á Lectura. Así, os sábados 14, 21 e 28 de decembro a biblioteca municipal de Sigüeiro acollerá as sesións de contacontos “Lúa lueira”, a partir das 11:00 horas. O venres 27 de decembro, ás 18:00 horas terá lugar o obradoiro “Somos amig@s invisibles!”, dirixido a maiores de 4 anos. E o xoves 2 de xaneiro terá lugar un contacontos especial de Nadal, dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 9 anos. En todos os casos, a entrada é libre e de balde, previa inscrición na biblioteca municipal de Sigüeiro.
O martes 17 de decembro terá lugar a primeira sesión aberta do Obradoiro de Teatro de Oroso. Aberto a todos os públicos, terá lugar ás 19:00 horas no centro cultural de Sigüeiro. Ese mesmo auditorio acollerá un día despois, o mércores 18 de decembro, a actuación da compañía Mala Sombra, que representará o espectáculo “Smoke City”, unha aventura urbana de gánster e policías que aborda a problemática do tabaquismo. A cita é ás 16:45 horas.
Na mañá do venres 20 de decembro, un carteiro e un paxe reais recollerán as cartas dos nenos e nenas das garderías “Trastes” e “A Ulloa”, dos alumnos/as do CRA e do Fogar Residencial Porto Avieira. O sábado 21 de decembro, a partir das 20:30 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha das actividades que conta cun maior número de seguidores: o Concerto de Corais.
Excursión a Mesía
O xoves 26 de decembro terá lugar unha excursión ás Brañas da Valga, unha aula da natureza e museo etnográfico situado no veciño concello de Mesía. Os excursionistas sairán ás 10:00 horas do centro cultural e volverán ao mesmo lugar a iso das 13:00 horas. A excursión, totalmente de balde, está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, que deberán anotarse antes do 22 de decembro.
O remate do ano estará protagonizado pola música. Así, o venres 27 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar o Concerto de Panxoliñas no centro cultural de Sigüeiro. E o sábado 28 de decembro, a partir das 19:30 horas, este mesmo escenario acollerá o Baile de Nadal para maiores, coa actuación do grupo Glamour.
Actividades en xaneiro
Para xaneiro de 2014, o Concello de Oroso ten programadas dúas visitas ao Planeta Móbil, unha cúpula inchable na que se proxectan vídeos e que provocan unha sensación de inmersión total. As citas son o xoves 2 e o martes 7 de xaneiro, ás 12:00 horas, no centro cultural. A participación é gratuíta, se ben é preciso inscribirse no centro cultural de Sigüeiro. E o venres 3 de xaneiro, ás 19:00 horas, terá lugar o segundo Festival de Aninovo da Aula de Música de Oroso.
O domingo 5 de xaneiro terá lugar a Gran Cabalgata de Reis, que seguirá o percorrido de anos anteriores: saída ás 17:30 horas da Estación de Vilacide e percorrido polas rúas de Sigüeiro: Portiño, Insúa, praza de Alexandre Bóveda, Do Medio, Portiño, avda de Compostela, praza da Foca, avda. da Garabanxa, Cultura, Río Lengüelle, avda. de Compostela, Xuncal. Recepción na Casa do Concello das Súas Maxestades ás 18:15 horas. Chegada ao Pavillón de Deportes ás 19:00 horas, onde haberá caramelos e inchables para todos.
O programa de Nadal 2013-2014 do Concello de Oroso pecharase o mércores 8 de xaneiro, ás 18:00 horas, coa sesión de monicreques “Os crebanoces”. Trátase dunha actuación incluída no Programa de Dinamización Lingüística que combina os títeres coa música de Tchaikowsky. Máis información no centro cultural, no teléfono 981 690 903 ou na web www.concellooroso.com.











