publicidade hoxe

O primeiro Circuíto Provincial de Carreiras Populares contou coa participación de dez mil atletas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+
A primeira edición do ‘Circuíto Provincial de Carreiras Populares’ organizada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, rematou cun rotundo éxito de participación, despois de que case 10.000 atletas tomasen parte nas dez probas celebradas desde o 16 de xuño ata o 10 de novembro.

As probas incluídas neste primeiro circuíto foron a III Carreira Popular do Concello de Carballo, a CorreSan Nocturna de Santiago, a XII Mila Urbana de Ares, o XIV Maratón Popular Concello de Cambre, o Maratón de San Xoán de Piñeiro de Mugardos, a Carreira Nocturna Concello de Ferrol, o XVI Carreira Popular Santa Uxía de Ribeira, a VII ACoruña10, a Carreira Pedestre do Concello de Ames e a XXXIV Carreira Popular de Negreira.

Todas elas son probas calendadas pola Federación Galega de Atletismo, o que garante o cumprimento de todos os requisitos deportivos, e sumáronse a este primeiro circuíto tanto pola súa historia, o seu arraigo entre a poboación e unha tradición contrastada. Tívose en conta tamén que se abarcara a meirande parte do territorio da provincia e que as carreiras foran abertas a cantas categorías fose posible.  

Segundo explicou o presidente provincial na presentación desta iniciativa, o circuíto fíxose este ano a modo de experiencia piloto, xa que, segundo matizou, “a nosa idea é continuar en próximos anos, e a nosa idea é tamén abrir unha convocatoria para que calquera carreira que cumpra con todos os requisitos deportivos que esixe a lei poida entrar neste novo premio provincial”.

Modelo de puntuación

Para poder optar a algún dos premios, os participantes no circuíto teñen que, polo menos, correr en cinco das probas incluídas nel.

Así, todos os corredores que remataron unha carreira recibiron un punto e os primeiros 50 clasificados obtiveron unha puntuación extra de xeito que primeiro leva 50 puntos, o segundo 49 e así, sucesivamente, ata que o que chega no 50ª lugar, que suma un punto.

Para a organización e a coordinación das probas, a Deputación da Coruña investiu un total de 25.000 euros. Ademais, destinará outros 8.000 aos premios para os gañadores.

A entrega de premios terá lugar nas próximas semanas na sede da institución provincial.

9 de decembro de 2013 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.