O Presuposto Municipal de Ferrol para 2014 garante a continuidade e mellora do Plan de Barrios
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, incrementará en 2014 o esforzo económico aos programas de mellora da imaxe e do coidado da cidade e de conservación e mantemento dos barrios e parroquias do municipio. Así, no Presuposto Xeral do Concello para a vindeira anualidade –xa aprobado inicialmente e que nestes momentos se atopa en período de exposición pública para a súa entrada en vigor en xaneiro de 2014- resérvase un millón de euros para continuar coas tarefas de mantemento de viarios e beirarrúas, pintado e sinalización. Ao respecto, cómpre salientar que ao remate deste exercicio económico o Concello terá feito un investimento de preto de 600.000 euros no arranxo de viarios, pistas e beirarrúas; outros 300.000 no pintado e sinalización e ao redor de 80.000 euros en roces de limpeza de camiños e parcelas de titularidade municipal na zona rural.
Así as cousas, nas contas municipais para 2014 recóllese a cantidade dun millón de euros para a reparación de viarios e beirarrúas, o pintado e sinalización. A esta contía hai que engadir outros gastos significativos para atender as demandas diarias e deficiencia. Estes son: 160.000 euros para parques infantís e biosaudables; 500.000 euros para a mellora de vivendas en Recimil, o cemiterio municipal e outros edificios municipais; e 650.000 euros para o mantemento de instalacións eléctricas e iluminación. Xunto con estas cifras, no Orzamento de Ferrol do vindeiro exercicio sobresaen, así mesmo, grandes partidas económicas para servizos como o de parques e xardíns -1,1 millóns de euros-: limpeza viaria -2,3 millóns de euros-; limpeza e aseo de colexios de infantil e primaria -1,3 millóns de euros- ou o de subministro de enerxía eléctrica, combustibles e carburantes -2 millóns de euros-.
O concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, destacou das partidas que afectan o seu departamento que “garanten a continuidade e mellora do Plan de Barrios, un plan posto en marcha neste mandato que permite intensificar e concentrar un mínimo de dúas semanas ao ano nun barrio ou parroquia a actuación de todos os servizos municipais, respondendo así ás demandas veciñais, facilitando un maior contacto coa cidadanía e resolvendo os pequenos problemas e o día a día coa cidade”. Ademais, Carro Muñoz fixo fincapé “no importante investimento en mantemento de viarios e beirarrúas, con papeleiras, con rúas e prazas máis limpas, e unha cidade máis verde cun maior esforzo económico para o mantemento dos seus parques e xardíns, e das áreas de xogo infantís e biosaudables”. Por último, o edil ferrolán apuntou que “o obxectivo do orzamento de Servizos e Medio Ambiente é o de poder resolver os problemas cotiáns dos cidadáns e dar resposta ás deficiencias da cidade, mediante mellores servizos e a optimización dos recursos”.











