O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia visitou a Autoridade Portuaria de Vilagarcía

Visita do presidente da CEG
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño, acompañado polo presidente da Federación de Empresarios de Pontevedra, Luís Novoa, visitou esta mañá a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, onde mantiveron unha reunión coa presidenta da Autoridade Portuaria, Sagrario Franco, a directora, Begoña Mesejo, e outros membros do equipo directivo do porto. Neste encontro tamén tomaron parte o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, o presidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía, Miguel Falcón, e o presidente da Federación de Empresarios da Comarca de Arousa, José Luís Vilanova, xunto co directivo desta institución Luís García-Reboredo.
A visita institucional serviu para que o recentemente nomeado presidente da CEG coñecese os proxectos de futuro do porto arousán que, unha vez terminada a fase de desenvolvemento das súas infraestruturas que caracterizou a súa xestión nos pasados anos, está agora envorcado na explotación e comercialización dos seus equipamentos e servizos. Neste sentido a presidenta do porto, Sagrario Franco, resaltou que o Plan Estratéxico da entidade, que abarca o período 2013-2017 presta especial atención ao papel do Porto de Vilagarcía como dinamizador económico. “É tamén –engadiu a presidenta- un plan de Comunidade Portuaria, que pretende axuntar os esforzos das empresas usuarias do porto para lograr un incremento de tráficos e unha mellora na conectividad exterior do territorio”. Franco Malvar destacou a importancia do empresariado na actividade do porto, “xa que son as grandes compañías e as pemes asentadas na nosa zona de influencia as que van utilizar os nosos servizos e infraestruturas para ampliar ou consolidar a súa actividade comercial e industrial”.
Pola súa banda Fernández Alvariño resaltou o papel que lle corresponde ao sistema portuario galego, que conta con cinco portos de interese xeral, no fortalecemento da economía de Galicia. Alvariño engadiu que “unha oferta global dos portos galegos significa oportunidades para todos, presentándonos como unha unidade de destino” que saque partido ao posicionamento da fachada atlántica galega nas grandes rutas do transporte marítimo internacional. Tamén coincidiu coa presidenta da AP na importancia das accións comerciais para a captación e consolidación de novos tráficos portuarios. Luís Novoa, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, incidiu ademais na importancia de contar con boas comunicacións para facer os portos máis atractivos e ampliar o seu hinterland.
Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía, apuntou á boa relación entre as distintas institucións e administracións como unha das claves para o desenvolvemento económico e social de Galicia, e puxo como exemplo as reunións de coordinación que periodicamente manteñen Concello e Autoridade Portuaria, para o mellor coñecemento dos seus proxectos e iniciativas.
Pola súa banda os representantes do empresariado arousán valoraron o esforzo realizado pola Autoridade Portuaria nos últimos anos para a mellora das súas infraestruturas “con visión de futuro”, e que permitiu mellorar tanto os seus calados como superficies de almacenamento e conexións viarias e ferroviarias, de tal maneira que o porto de Vilagarcía “é un porto moi atractivo para empresas tanto da súa hinterland como de fóra da súa zona de influencia”, en palabras de Luís García-Reboredo Mendoza. A comercialización destas infraestruturas é fundamental para aproveitar ao máximo as potencialidades do porto arousán, segundo resaltaron tanto José Luís Vilanova como Miguel Falcón.











