O PP de Pontevedra considera a sentenza sobre dedicacións exclusivas “unha grande lección política”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
E.P.

O voceiro do grupo municipal do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, valorou como “unha grande lección política” para o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a decisión do goberno local de xullo de 2012 de deixar ao PP cunha soa dedicación exclusiva no concello.

Moreira referiuse aos seus compañeiros no grupo municipal para dar as grazas a “todos os concelleiros” que decidiron seguir ao seu lado. “Polo seu compromiso, a súa confianza e o seu esforzo. Demostraron, en circunstancias moi adversas e difíciles, que a política é tamén vocación e servizo”, subliñou.

Igualmente, advertiu ao alcalde de que ten que asumir as críticas, aceptalas e, si é o caso, rectificar, porque esas son as regras para vivir en democracia”.

O voceiro popular compareceu para valorar “unha sentecia que é contundente, sen paliativos,”, e que deu pé ao concelleiro a invitar os pontevedreses a que defendan os seus dereitos “porque o tempo das represalias ten que rematar”.

A sentenza incidiu en que o acordo anulado chegou produto dunha moción conxunta de nacionalistas e socialistas presentada como resposta a outra iniciativa do PP.

Os populares demandaban unha rectificación do alcalde con respecto á concesión do salario ao novo concelleiro Miguel Filgueira, posto que suporía que o grupo de goberno pasaría de 11 a 12 dedicacións exclusivas nun contexto de grande crise económica.

“CASTIGO” AO GRUPO POPULAR

A moción dos populares foi rexeitada, Filgueira quedou co seu novo soldo, e BNG e PSdeG sacaron adiante a súa proposta “castigando o grupo de Moreira”.

O Partido Popular confía agora en que o alcalde Fernández Lores “faga realmente esta vez todo o que poida por cumprir esa resolución do TSXG”. “É unha cuestión de Xustiza e espero que o alcalde esqueza de verdade a súa habitual tendencia á insumisión fronte a todo aquilo que non lle gusta”, engadiu o xefe da oposición pontevedresa.

26 de decembro de 2013 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.