O polideportivo de Lousame acolle un macromercadillo solidario da protectora de animais Arca
A asociación protectora de animais ARCA (Noia) celebrará o seu primeiro macromercadillo solidario o domingo 15 de decembro no polideportivo de Lousame, un evento no que colabora o Concello de Lousame e que inclúe un mercadillo de todo tipo de produtos, actividades lúdicas para os máis pequenos e unha importante parte solidaria, xa que tratarase de buscarlles un fogar e unha familia aos numerosos cans recollidos por ARCA.
Todos os que se acheguen ata o macromercadillo entre as 10:00 e as 20:00 horas poderán atopar todo tipo de produtos: roupa, complementos, artesanía, xoguetes, libros, pasteis, tartas, empanadas, café… Paralelamente, os máis pequenos poderán divertirse nuns obradoiros infantís ou xogando nos inchables traídos para a ocasión.
Ademais, contarase coa presenza de outras asociacións protectoras de animais de Galicia e cunha mesa informativa de ARCA, na que esta asociación dará a coñecer os distintos proxectos nos que está a traballar.