O pleno de Teo votará a proposta das obras do POS cunha partida importante para seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A corporación teense reúnese este próximo luns 23 de decembro para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa. A sesión retransmitirase en streaming a través da web municipal, pinchando no banner “En directo”, na marxe dereita da web www.concellodeteo.com

Un dos puntos de máis interese para a cidadanía será a aprobación das obras a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación 2014, un conxunto de actuacións consensuadas entre todos os grupos políticos na xunta de portavoces. Como vén sendo habitual agárdase unanimidade neste punto da sesión xa que se estableceron as prioridades en materia de obras entre todas as forzas con representación na corporación teense.

O investimento previsto para este plan supera os 500.000 euros dos que case 200.000 euros se destinarán ó proxecto Sendas 2014. Trátase dunha actuación en materia de seguridade viaria na que se prevé a realización de sendas peonís. Algúns dos espazos nos que se actuará no próximo ano son o entorno do IES de Cacheiras ou os accesos do colexio de Calo. Nestes lugares entubaranse as gabias para gañar ese espazo para o peón. A maiores enriba desa zona farase unha franxa con formigón, unha superficie lixeiramente elevada da estrada e cunha cor diferente que diferencie o espazo do tráfico rodado da senda peoníl. Esta actuación, pola que aposta o Concello, é ademais unha vella reivindicación dos grupos da oposición. O POS prevé obras tamén en Carballal, Guldrís, Solláns e o Sisto, Pedreira, nas rúas Carballo e Bidueiro, en Bouñou, Sestelo e Regoufe.

Na sesión abordarase, entre outros asuntos, a revisión de oficio do contrato de depuración e auga municipal de cara á súa anulación.

20 de decembro de 2013 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.