O pleno de Teo para debatir a moción do BNG para trasladra un preso de Resistencia Galega será o 23 de decembro
O pleno do Concello de Teo en que se debaterá unha moción do BNG para trasladar un preso de Resistencia Galega ao territorio galego será o próximo luns, día 23 de decembro, e terá lugar ás 20.00 horas.
A moción, promovida polo Grupo Municipal do BNG, parte da asociación Que voltem para á casa! e pedirá o traslado a Galicia do preso Antóm Santos, condenado a 10 anos de cárcere por pertencer a Resistencia Galega, que se atopa na prisión de Aranjuez dende decembro do 2011.
A través dun comunicado, Que voltem para á casa! (que informou erroneamente de que o pleno sería este luns día 16) explicou que o contido desta moción “está centrado na situación concreta de Antóm Santos e reclama o seu traslado a Galicia, así como “un tratamento e cualificación de réxime fundamentado en dereito e non arbitrario e o respecto aos dereitos fundamentais”.
Neste sentido, Que voltem para á casa! denuncia que o preso atopa a 645 quilómetros da súa parroquia, Luou –en Teo–, e está cualificado en réxime FIES 3, que supón que “debe permanecer 21 horas na súa cela”. Neste sentido, indicou que “ten todas as súas comunicacións intervidas” e “só pode escribir dúas cartas á semana” e recibir catro visitas mensuais.
O Concello de Teo, en que goberna en minoría Anova con Martiño Noriega á cabeza (tras as escisións do BNG), é o primeiro dos municipios natais dos presos galegos de Resistencia Galega en debater as mocións promovidas por esta asociación, nas que busca o traslado dos presos independentistas de prisións fóra de Galicia á Comunidade.