publicidade hoxe

O pleno de Ortigueira aproba por unanimidade o “III Plan de Igualdade de Oportunidades”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira aprobou por unanimidade na sesión plenaria desta mañá a súa “III Plan de Igualdade de Oportunidades 2013- 2017”. Esta ferramenta de traballo, realizada polo goberno de Rafael Girón, dá continuidade ao labor realizado desde o Centro de Información á Muller nos últimos anos, e introduce medidas en campos como o do emprego, a educación, ou a loita contra a violencia de xénero destinados a acabar coas situacións de desigualdade que persisten na actualidade.

O documento, que conseguiu o respaldo de todos os edís da Corporación, busca contribuír a mellorar a calidade de vida das veciñas da localidade, garantindo unha actuación integral e coordinada das distintas áreas municipais, que axude a erradicar pautas culturais e estruturas sociais anacrónicas que dificultan o avance cara a unha sociedade máis xusta.

O texto impulsado desde o CIM, organismo dependente da Concellaría de Benestar Social, conta con medio centenar longo de medidas repartidas en sete áreas de traballo (área institucional, de sensibilización e educación, de empoderamiento e participación social, de actividade económica e emprego, de conciliación e corresponsabilidade, de saúde e benestar, e de  prevención da violencia de xénero).

Entre as novidades do plan, impulsado con apoio da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo e cun período de vixencia de catro anos, figuran a inclusión dun apartado específico orientado a garantir a igualdade dentro da propia organización municipal, e o crecente peso adquirido por áreas como a do emprego ademais, está claro, a de sensibilización e loita contra a violencia machista.

Precisamente neste último campo, se aposta por desenvolver proxectos de atención integral ás usuarias do CIM vítimas deste tipo violencia, é dicir, itinerarios personalizados que aborden cuestións como o emprego, saúde, vivenda, educación ou o lecer, e que lles axuden a refacer as súas vidas. En materia laboral, incídese na planificación de accións formativas tendo en conta a demanda de man de obra da zona, o establecemento de convenios para realización de prácticas para mulleres en empresas da zona e a ampliación e mellora dos servizos de conciliación.

Desde o goberno local maniféstase o firme compromiso de que o plan non quede nunha mera declaración de intencións e lembran o elevado grao de cumprimento do anterior, aprobado coa chegada de Rafael Girón á alcaldía e que supuxo unha auténtica folla de ruta das políticas de muller desenvolvidas polo goberno local no último sexenio.

Finalmente, cabe sinalar que coa aprobación do documento, que partiu dun diagnóstico de situación elaborado coa achega dos representantes políticos e dos principais axentes sociais do municipio, o concello cumpre un dos requisitos obrigatorios esixidos pola Xunta de Galicia para optar a determinadas axudas e subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade.

26 de decembro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.