O pleno de Oroso aproba 263.000 euros do POS 214 para obras de mellora da rede viaria e saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno municipal de Oroso reunido hoxe nunha sesión extraordinaria aprobou a proposta da Alcaldía de relación de obras do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2014) e que suporán que un ano máis o Concello de Oroso destine integramente a obras os 262.994 euros deste plan. Unha proposta que foi apoiada polos grupos municipais de PSOE, PP e BNG, mentres que o Partido Galeguista se abstivo.

Durante a sesión o voceiro do PP, Xosé Manuel Balado, valorou positivamente a relación de obras presentadas ao POS 2014 e propuxo tamén o arranxo dunha pista na Torre e outra na Ponte Carollo, así como a colocación de biondas ou outros elementos de seguridade no aparcamento do polígono empresarial de Sigüeiro, a raíz dun accidente acontecido semanas atrás.

Polígono de Sigüeiro

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, tomou en consideración a petición dos populares e indicou que “as necesidades son moitas e as obras que están neste plan pensamos que son as máis necesarias e urxentes nestes momentos. De todos modos, comprobaremos o estado desas pistas por se fose tan urxente actuar sobre elas”. Porén, Mirás anunciou que o Concello de Oroso non realizará ningunha actuación no aparcamento, xa que o sinistro foi consecuencia dun erro humano, non da infraestrutura.

Así mesmo, aproveitou para anunciar que “no polígono de Sigüeiro temos outras prioridades, pois hai que arranxar con aglomerado cando menos dúas das rúas. Unhas obras que levaremos posiblemente ao POS do ano que ben”.

Relación de proxectos

O Concello de Oroso achegará 20.776 euros para a realización de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal e un para a instalación de saneamento en dúas rúas de Sigüeiro. O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é o adecentamento da capa de rodadura en Altiboa, O Castro de Recouso e a Cruz do Folgoso, na parroquia da Marzoa, con 122.148 euros. Así mesmo, o Concello de Oroso investirá outros 48.798 euros na mellora da rede viaria nos lugares de Zan (Trasmonte), Vilares (Senra), A Igrexa (Os Ánxeles) e Piñeirón (A Gándara). Ademais, procederá a mellora da rede viaria nos lugares da Estación de Oroso e O Cruceiro (na parroquia de Oroso), onde investirá outros 47.808 euros.

Finalmente, o Concello de Oroso investirá 44.237 euros na instalación da rede de saneamento nas rúas do Barreiro e da Ulloa, no núcleo urbano de Sigüeiro. Ademais, o pleno municipal aprobará incluír o adecentamento da capa de rodadura do vial público entre A Baiuca (Senra) e Requeixo (Cardama) no Plan Complementario do ano 2014. Trátase dun proxecto por un importe de 55.239 euros.

18 de decembro de 2013 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.