O planetario da Casa das Ciencias da Coruña estrea o programa ‘Bacteria Mutante’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A directora dos Museos Científicos, Mónica Igrexas, e o director da Casa das Ciencias, Marcos Maldonado, presentaron esta mañá o programa Bacteria Mutante, unha película para planetarios dixitais con proxección de vídeo a toda cúpula.

“A historia comeza nos confíns da Vía Láctea, onde dúas estrelas discuten si o universo é un lugar aburrido no que nunca ocorre nada ou si, pola contra, está cheo de misterios e sorpresas. A acción desprázase até un planeta moi similar á Terra e mergúllase no océano até penetrar no interior dunha alga, onde habita a protagonista da historia: unha pequena bacteria mutante. Xunto a ela, atoparemos todo tipo de microorganismos e, ao longo de diversas aventuras, descubrirá que, a pesar de ser distinta ás demais bacterias da súa familia, tamén hai un lugar para ela no mundo, concretamente no ballet de Mademoiselle Ameba”, explicou Maldonado.

Coincidindo coa súa presentación, a iniciativa contou coa primeira visita dun grupo escolar que comprobou un dos aspectos máis novos desta produción: que a maior parte das imaxes que ven na cúpula xeráronse mesturando líquidos e pigmentos nun laboratorio. Esta técnica dá lugar a personaxes e escenarios dunha riqueza e dinamismo que dificilmente se puideron obter mediante animación dixital. O resultado, unido ao efecto inmersivo da proxección na cúpula, mantén ao espectador atrapado nun mundo surrealista no que os perigos poden axexar “detrás de cada pegote viscoso”, destacou Maldonado.

A banda sonora de Bacteria Mutante conta con música orixinal gravada nos estudos de Radio Galega e unha suxestiva colección de efectos sonoros creados para esta película.

A iniciativa sumar ao proxecto de renovación de contidos expositivos que se está levando a cabo nos Museos Científicos Coruñeses. No ano 2013 puxéronse en marcha os seguintes proxectos:

-Inauguración na Domus da exposición Xogo de Neuronas.

-Inauguración na Domus dun novo espazo, Laboratorio Aberto, que recrea un laboratorio no que realizar infinidade de experimentos.

-No Aquarium Finisterrae presentouse a Guía da mar salgada, unha publicación que recolle características de 124 das especies que o habitan con debuxos de Miguelanxo Prado e que se distribúe de forma gratuíta a profesores.

-Inauguración no Aquarium Finisterrae da exposición de fotografías de National Geographic pola súa 125 aniversario.

-Inauguración na Casa das Ciencias da exposición Puro Swing, sobre péndulos.

Sesións para o público

Desde hoxe, e durante todas as vacacións escolares de Nadal, Bacteria Mutante pasa a formar parte da programación do planetario da Casa das Ciencias con sesións diarias ás 12.00 horas (versión en galego) e 17.00 horas (versión en castelán).

O programa está producido polos Museos Científicos Coruñeses, o Planetario de Pamplona e o Parc Astronómic do Montsec, e conta con financiamento da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía).

20 de decembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.