publicidade hoxe

O Plan Galicia Saudable trata de mellorar a calidade de vida co fomento do exercicio físico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+
Intervención de Lete Lasa

Intervención de Lete Lasa

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, inaugurou esta mañá as II Xornadas Nacionais de Nutrición, Exercicio Físico e Saúde que se están a celebrar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Baixo o título Unha estratexia transversal e integral para unha Galicia máis activa, o secretario xeral destacou o compromiso da Xunta, a través do Plan Galicia Saudable, para que cada vez máis galegos de todas as idades incorporen a práctica da actividade física e deportiva á súa vida cotiá coa fin de gañar saúde e reducir as taxas de obesidade e sobrepeso.

No marco da súa intervención, Lete Lasa fixo un percorrido sobre o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable desde os seus inicios ata o momento actual, remarcando o seu carácter transversal, que supón a implicación coordinada de múltiples departamentos da Xunta de Galicia e de expertos e profesionais de diversas disciplinas.

Segundo apuntou o secretario xeral, “a extensión da actividade física require de grandes doses de transversalidade e colaboración en rede para poder chegar a todos os sectores da poboación, independentemente das súas circunstancias e idades, co obxectivo último de mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos”. Mostra desta transversalidade lembrou que o plan se desenvolve en sete ámbitos de actuación: tempo libre e deportivo, educativo, comunitario e local, laboral, sanitario, urbanismo, medio ambiente e mobilidade, e persoas maiores.

Lete Lasa destacou que este ano Galicia Saudable segue crecendo no eido municipal e conta xa co 90% dos concellos galegos adheridos á Declaración de Galicia Saudable, o que supón que un total de 284 concellos participan nunha grande rede de promotores de saúde a través da actividade física, o exercicio físico e o deporte, cun acceso potencial ao 80% da poboación galega. Esta rede compleméntase ata chegar a 436 entidades adheridas, entre as que se atopan empresas, medios de comunicación, deputacións, a FEGAMP, as tres universidades galegas e federacións deportivas e clubes. No eido educativo, conta coa participación de 228 centros escolares que desenvolven programas de fomento da actividade física saudable aplicando a innovación educativa, nunha acción conxunta entre Galicia Saudable e o Plan Proxecta, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Numerosos estudos asocian a insuficiente actividade física como unha das causas principais das enfermidades con maior impacto na actualidade, como son as patoloxías cardiovasculares, a diabetes, a hipertensión arterial, a obesidade, o cancro, as enfermidades mentais e as afeccións de ósos e articulacións. A Xunta de Galicia pretende, a través deste plan, reducir o sedentarismo na nosa comunidade.

As II Xornadas Nacionais de Nutrición, Exercicio Físico e Saúde están organizadas por Sportis Formación Deportiva e a Universidade da Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Constan de oito conferencias de expertos impartidas no día de hoxe e enmárcanse na iniciativa “I Forma Sportis Solidario”, coa que se pretende recadar axuda para o Banco de Alimentos Rías Altas, que atende a colectivos en risco de exclusión na provincia da Coruña.

18 de decembro de 2013 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.