O plan de barrios ferrolá realiza actuación de mellora e conservación en Santa Mariña por 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol que preside Jose Manuel Rey Varela continua desenvolvendo a segunda fase do Plan de Barrios, un ambicioso programa de coordinación dos servizos municipais e das empresas que traballan para a Administración local que durante unha semana intensifican a súa actividade nun barrio ou parroquia da cidade.  Este plan permite manter un contacto periódico e directo coas entidades veciñais e intensificar un mínimo de dúas veces ao ano os traballos de mellora e mantemento en parques e xardíns, abastecemento, iluminación, roce e limpeza, mantemento de viarios, limpeza, etc. Así, na xornada de hoxe o concelleiro Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, e a concelleira responsable do barrio de Santa Mariña, Verónica Casal Míguez, mantiveron un encontro de traballo cos representantes veciñais da parroquia.

Ademais de repasar as actuacións levadas a cabo estes días en Santa Mariña, os responsables do Executivo ferrolán chegaron ao compromiso da instalación dun novo contedor de vidro no local veciñal, así coma o arranxe de deficiencias no mesmo. Así mesmo, serán completados os elementos de xogo do parque infantil da asociación de veciños. No que atinxe ás tarefas de mellora e mantemento acometidas esta semana en Santa Mariña polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello, a valoración das mesmas ascende a un total de 30.723,59 euros. Estas actuacións, enmarcadas dentro do Plan de Barrios, atenden as demandas feitas polos propios veciños/as desta zona do municipio e as máis destacadas son as seguintes:

– Reparación de dous tramos de beirarrúas no Camiño do Loureiro.

– Roce e chapeo en toda a parroquia, con especial atención aos arredores dos depósitos de auga, o parque Fontenova e os paseos do Acceso Norte.

– Colocación dun suxeita-contedor na avenida de Santa Mariña.

– Roce, limpeza e lavado dos lavadoiros de Loureiro e Santa Mariña e as fontes de Furado, Casquido e Loureiro.

– Un total de 1.274,7 metros lineais de sinalización viaria que atende ao trazado de liñas continuas e descontinuas. Ademais do pintado de 34 sinais horizontais: 13 stops, 12 pasos de peóns, 5 frechas de dirección e 4 cedas ao paso.

– Limpeza de columnas e vexetación en diferentes tramos.

– Mantemento correctivo e preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de auga. Ademais da reparación dunha fuga na avenida de Santa Mariña, revisión de válvulas e arquetas e inspección de bocas de rego e sumidoiros en Casal dos Ovos, rúa Independencia, rúa de Travesía de Neira e avenida de Santa Mariña.

– Un total de 10.045 metros cadrados de mantemento de zonas verdes e limpeza de alcorques. Ademais, realizouse o roce da zona verde no entorno da Fonte do Mouro, así como a retirada de restos de ramas de castaño.

– Revisión de funcionamento e estado dos xogos nos parques infantís e biosaludable da parroquia, así como a limpeza de cada unha das zonas.

5 de decembro de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.