O Pazo da Marquesa acollerá o primeiro evento público trala súa rehabilitación
Nesta semana central do Nadal o Concello preparou unha oferta lúdica centrada no deporte. Unha vintena de cativos e cativas participan desde o luns en pequenos obradoiros prácticos sobre bicicleta, baile moderno, fútbol sala, volei, patinaxe e tenis cos que se lles queren dar nocións básicas sobre estes deportes ao tempo que se enche o seu tempo dunha forma distinta. O sábado moitos deles disputarán dous encontros solidarios contra un equipo formado por papás e mamás. As inscricións poden facerse ata o mediodía deste venres e só se pon como condición levar ao partido alimentos non perecedeiros que despois se distribuirán entre as persoas con menos recursos.
No momento de redactar esta información xa se apuntaran ao partido solidario do sábado un total de 24 persoas entre rapaces e maiores. Unha cifra que seguramente será maior cando peche o prazo de inscrición. O sábado a partir das 17 h. o pavillón municipal acollerá os dous encontros programados entre pais/nais e fillos/fillas. O primeiro será a fútbol sala e o segundo a volei, aínda que a competición é o de menos.
O que se busca é que nenos e grandes compartan unha tarde divertida e, ao mesmo tempo, solidaria. Por iso se esixe que, ademais de facer a inscrición, se leve ao pavillón a maior cantidade posible de alimentos. Arroz, azucre, fabas, garavanzos, chocolate, cacao, pasta, cereais, conservas e todo aquilo que teña un periodo longo de conservación será ben recibido. Co que se consiga xuntar faranse lotes que o departamento de servizos sociais lles fará chegar ás familias do municipio con menos recursos.
Durante estes días no pavillón municipal tamén se desenvolve o Nadal deportivo, organizado en colaboración co Aldebarán de volei, o CF. San Sadurniño, a Asociación Brío e o Clube MTB Biela e Chaveta. Os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos gozan destas vacacións aprendendo e practicando varios deportes. O luns tocoulle á bicicleta e ao baile moderno, este xoves ao fútbol sala e o volei e para o venres -último día da actividade- a cativería probará a patinaxe e o tenis.
Actuación no Pazo da Marquesa
O día 29, derradeiro domingo do 2013, a partir das 19 h., o pazo da Marquesa abrirá por primeira vez ao público para acoller a actuación do grupo Doa, formado por Óscar Fernández á zanfona, Susana de Lorenzo -voz e harmonium- e Xoán Piñón á guitarra. Os tres revisan o cancioneiro galego a través do seu traballo “A fronda dos cervos”, que nos levará á Galicia medieval e trobadoresca. Ademais de gozar da música, a xente tamén poderá aproveitar para visitar as dependencias da futura sede municipal tralo remate dos traballos de rehabilitación e acondicionamento interior.











