O Operación Kilo en Lalín conseguiu reunir uns 400 quilos de alimentos no primeiro día de posta en marcha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A  Operación Kilo que o Concello de Lalín está levando a cabo en colaboración co Hipermercado Eroski conseguiu reunir uns 400 quilogramos de alimentos -dous colectores grandes- ao longo do día de onte, na súa primeira xornada de desenvolvemento desta campaña solidaria. Así o anuncia a concelleira de Benestar, Mª Paz Pérez Asorey, que agarda que “teña un grande éxito de participación pola importancia que ten a recadación destes alimentos para cubrir as necesidades detectadas desde os servizos sociais municipais”.

A finalidade desta iniciativa solidaria é a de distribuír os alimentos que se recollan entre as familias en situación de vulnerabilidade do municipio a través do programa de alimentos municipal, que leva a cabo o departamento de servizos sociais da Concellería de Benestar e que veu incrementada a súa demanda nos últimos tempos.

O número de familias que se van beneficiar desta Operación Kilo é de 193 e de 543 o número de persoas favorecidas, distribuídas segundo o perfil de necesidades alimenticias do seguinte xeito: poboación adulta (máis de 8 anos): 437; poboación infantil (menos de 8 anos): 88 e lactantes (menos de 2 anos): 18.

O produto máis demandado é o leite enteiro, xa que dada a cantidade de poboación infantil as familias consomen unha grande cantidade. Tamén son moi demandados por esta orde: aceite, legumes (lentellas, fabas e garavanzos), conservas de todo tipo (tomate, atún, xudías, guisantes…), fariña, pasta, arroz, azucre, cacao, cereais, galletas e sal.

Ademais con respecto á alimentación e hixiene infantil son tamén produtos de primeira necesidade moi demandados o leite de inicio e a continuación, os cereais infantís e os cueiros.

INICIATIVAS PARA REUNIR ALIMENTOS

A maiores da Operación Kilo, o programa de alimentos municipal abastécese grazas aos alimentos excedentarios da UE aos que opta o Concello de Lalín todos os anos (supoñen uns 15.000 kg de alimentos), campañas benéficas como a Carreira Solidaria Lalín-Santiago de Compostela (Vía da Prata) que se vai celebrar o domingo 15 de decembro, e doazóns particulares como a feita a comezos de ano pola empresa Inasus ou a cachucha prensada que doa Casa Currás todos os anos.

Desde a Concellería de Benestar e Emigración tamén se colabora estreitamente co Banco de Alimentos Provincial de Pontevedra e sobre todo con Cáritas de Lalín e coa asociación O Mencer para tratar de chegar ao maior número de persoas que o precisan, a través dunha axeita coordinación para optimizar mellor os recursos dispoñibles.

Pola súa parte, a xerente do Hipermercado Eroski Lalín, Geni Sánchez está a colaborar estreitamente na transmisión de información aos clientes e no apoio loxístico, facilitando contedores, cartelería, transporte e almacenaxe da mercadoría ata que poda ser recollida polo persoal de Protección Civil do Concello.

A concelleira Mª Paz Pérez anima a todas aquelas persoas que queiran colaborar a que se acheguen o sábado 7 de decembro ata o centro comercial Eroski, precisando que poderán depositar alimentos desde as 10 ata as 22 horas, onde os voluntarios repartirán información para todos os clientes que o desexen e que tras realizar a compra decidan doar un kilo de leite, aceite, fariña, arroz, lentellas, conservas de todo tipo, etc. ou calquera outro produto non perecedoiro.

AGRADECEMENTOS

A responsable municipal “tamén lle agradece ás máis de 20 persoas voluntarios e voluntarias que exerzan durante estes días o labor de informar no posto de recollida dos alimentos que, de maneira desinteresada, ofrecen o seu tempo a esta iniciativa tan necesaria nestes tempos onde moitas familias están a atravesar dificultades económicas que precisan dun pequeno apoio para saír adiante”.

“En especial quero agradecerlle a participación ás socias da asociación Amas de Casa Laxeiro e á presidenta da asociación O Mencer, entidades coas que servizos sociais están a colaborar estreitamente desde hai tempo”, afirma.

Mª Paz Pérez fai fincapé en que “esperamos poder cumprir coas expectativas de todas aquelas persoas que estes días realizarán doazóns, dando cobertura ao maior número posible de situacións de dificultade das familias”.

6 de decembro de 2013 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.