O obradoiro pontevedrés “Recicletas” permite recuperar para fins solidarios máis de 40 bicicletas infantís
A Concellaría de Benestar Social de Pontevedra a través do programa de Educación familiar e da Fundación Meniños comezan esta semana a entregar as bicicletas recuperadas no Obradoiro Recicletas que se está a desenvolver nas instalacións da Escola obradoiro de Monte Porreiro.
A entrega é a familias usuarias de Servizos Sociais das que non se fará publicidade. No obradoiro recuperáronse 11 bicicletas para nenos de 0 a 3 anos; 19 bicicletas de 4 a 6 anos; 10 para nenos de 7 a 10 anos; e unha bicicleta para idades entre 10 e 12 anos. En total 41 bicicletas que foron recuperadas, e algunha máis que está aínda en proceso de recuperación. A Concellaría contactou coas familias a pasada semana e durante esta semana pasarán polas instalacións de Monte Porreiro para recoller as bicicletas recuperadas, previa identificación coa documentación entregada pola Concellaría e o seu DNI.











