O obradoiro de Emprego de Verín ‘Pozo do Demo II’ recuperará as áreas da Preguiza e do Pozo do Demo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar concedeu aos concellos de Verín e Vilardevós un obradoiro de emprego para a formación de 32 persoas desempregadas de ambos municipios, nas áreas de xardinería, carpintería e axuda a domicilio.

Este obradoiro, denominado ‘Pozo do Demo II’ e de seis meses de duración, ten por obxecto a formación das persoas participantes no mesmo e favorecer a súa inserción laboral. O módulo de axuda a domicilio está destinado a un total de 8 alumnos/as, que recibirán clases teóricas nos distintos ámbitos de axuda a domicilio e poderán realizar prácticas nos domicilios das persoas que demandan este servizo nos Concellos de Vilardevós e Verín. Todo co obxecto de realizar actividades destinadas á atención das necesidades básicas dos/as usuarios/as, nos temas de aseo e atención persoal, atención doméstica, limpeza e mantemento da vivenda, acompañamento ós servizos sanitarios e outras xestións que poidan xurdir no facer diario das casas e na vida dunha persoa.

Con respecto aos módulos de xardinería e carpintería, destinados a 16 e 8 alumnos/as respectivamente, o obxectivo dos mesmos é a restauración e ampliación de rutas de sendeirismo do Pozo do Demo (nas zonas de Monte Maior e Cabreiroá, no termo municipal de Verín, e no marxe do regato das Quintas emprazado no monte de A Veiga das Meás, no de Vilardevós), ademais da restauración do tramo da ruta de sendeirismo en A Preguiza (Verín). Tras recuperarse no obradoiro de emprego o ‘Camiño dos Carros’, unha antiga vía que comunicaba o núcleo de Cabreiroá (Verín) co de A Veiga das Meás (Vilardevós), plantexouse a necesidade de ampliar esta ruta, con varias conexións, para chegar a uns antigos muíños na zona de Vilardevós e a propia garganta do coñecido do Pozo do Demo, situados nun contorno natural de características excepcionais pola súa flora e a impresionantes vistas sobre o val do Támega.

Por este motivo, tendo en conta que no ámbito da actuación existe moita demanda de rutas de sendeirismo para o lecer e atendendo ás grandes posibilidades da zona, durante os vindeiros meses levaranse a cabo actuacións de limpeza, desbroce e retirada de escombro e broza. Ademais, de regularización de pavimentos e firmes previa explanación, implantación de sinalética para o percorrido do camiño, marcada con cores distintivos que permitan aos/ás sendeiristas manter a orientación e así chegar con facilidade ao seu destino; ou colocación de valado de madeira tratada naquelas zonas nas que existan fortes desniveis podendo así aportar seguridade aos/ás senderistas (tamén será colocado naquelas zonas destinadas a miradoiros contemplativos da paisaxe). Por outra banda, colocaranse escaleiras ou pasos de madeira naquelas zonas que, debido as fortes pendentes así o requiran, para poder practicar de maneira segura o camiño, saneo de terreo en zonas húmidas, reconstrución dos muros de pedra que se atopan en mal estado no percorrido pola marxe do regato das Quintas ata os muíños da Veiga das Meás; e execución e colocación de mesas interpretativas da fauna, flora e historia do lugar. Ademais da colocación de balizas indicativas de elementos singulares, carteis interpretativos e plantación de árbores nas marxes dos camiños.

Por outra banda, os/as alumnos/as de xardinería e carpintería tamén restaurarán a ruta de sendeirismo na zona de A Preguiza, situada no marxe dereito do río Támega en Verín (dentro da Rede Natura 2000). A actuación que se realizará ten por obxecto mellorar as condicións de utilización e estética dos 850 metros desta ruta, co fin de garantir a seguridade de sendeiristas e usuarios/as.  Por este motivo, levaranse a cabo actuacións de restauración e estabilización do pavimento existente, así como o acondicionamento das marxes do mesmo mediante limpeza, desbroce de maleza, execución de escaleiras ou pasos de madeira para acceder ao río, colocación de mobiliario (bancos de pedra e papeleiras) e sinalización da ruta (mediante a implantación de sinalética, colocación de carteis interpretativos e mesas interpretativas da fauna, flora e historia do lugar).

13 de decembro de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.