O Nadal chega aos Centros de Día xestionados por AFAL en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Nadal chegou aos Centros de Día xestionados por AFAL Ferrolterra na cidade. E, con tal motivo, a asociación organizaba onte e hoxe senllas festas para os seus usuarios. A primeira celebración tiña lugar no Centro da Rede Pública de Alzheimer da Xunta –situado na antiga Casa do Mar. Alí, o equipo de profesionais preparaba unha deliciosa merenda do Nadal para os maiores e ambientaba o centro con música de panxoliñas a maiores de guirnaldas e motivos da época. Unha celebración que remataba con baile, como é xa tradición. Ademais, os maiores levaron para as súas casas un bonito agasallo para as súas familias elaborado por eles mesmos: unhas campás de Nadal para adornar a árbore.

E esta tarde chegaba a quenda para os usuarios do Centro de Día Terapéutico de AFAL na rúa Río Castro, primeiro centro destas características aberto por unha asociación en Galicia. Á festa sumáronse os familiares. Nela, os maiores afectados pola enfermidade compartiron cos seus cónxuxes, fillos e netos unha merenda a base de turróns, polvorones, mantecados, pasas e outros produtos típicos destas datas. A continuación, todos eles tamén participaron nun baile amenizado pola música do acordeonista Iker e as tradicionais panxoliñas.

A festa de Nadal concluíu coa entrega duns paquetes realizados polos usuarios do centro de día nos talleres ocupacionais e de manualidades con motivos tipicamente do Nadal: uns adornos tamén para a árbore realizados con CDs. Agasallos que os usuarios entregaron aos seus familiares.

Segundo explicou a presidenta da asociación, Milagres Prieto Gondell, con estas actividades AFAL Ferrolterra busca ofrecer espazos de lecer compartido entre os usuarios do Centro de Día e as súas familias, con propostas do seu interese. Nesta liña, Milagres Prieto lembrou que a programación anual da asociación inclúe tamén outras citas temáticas como a celebración do Entroido ou o Magosto.

20 de decembro de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.