O Museo Massó acollerá obradoiros de Nadal para toda a familia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece estas vacacións de Nadal obradoiros no Museo Massó, en Bueu, co fin de que toda a familia poida gozar nestas datas dunha oferta de actividades didáctica nestas instalacións. Desta forma, ademais, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad favorece a conciliación da vida laboral e familiar nestas festas.
O primeiro dos obradoiros desenvolverase o sábado 28, e nel ensinarase a deseñar un selo persoal, ‘ex libris’, para personalizar os libros. Para iso os asistentes aprenderán a utilizar a técnica do gravado sobre goma, así como a fabricar tampóns.
Xa no novo ano, o sábado 4 de xaneiro, desenvolverase ‘Atando cabos. Nós mariñeiros’, no que os participantes aprenderán a facer os 5 nós mariñeiros básicos – Cote, As de guía, Chan, Oito e Ballestrinque-, cos que farán a súa propia pulseira. Os responsables do obradoiro explicarán ademais a orixe de cada nó e montarán un pequeno cadro con eles. Ambos os talleres serán ás 12,30 horas. A inscrición deberá realizarse chamando ao teléfono 986 321 838, de luns a venres entre as 10 e as 20 horas, ou a través do correo electrónico museo.masso@xunta.es, enviando un nome e un teléfono de contacto.
Ademais, ata o 5 de xaneiro quen se acheguen ao Museo Massó poderán visitar da exposición de proxectos presentados no concurso de ideas para a conservación e utilización do Estaleiro de Banda do Río. O centro permanecerá aberto de martes a domingo de 10 a 20 horas e os domingos e festivos – agás o 31 de decembro e o 1 de xaneiro- de 10 a 14 horas.











