O Multiusos de Mos acolle unha charla sobre seguridade vial impartida pola Policía Local
A Policía Local de Mos e a concellería de Educación e Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organizan unha charla dirixida á mellora da seguridade do peón a través da Campaña da Seguridade Vial “O Peón”.
A charla celebrarase mañá 18 de decembro no Auditorio do Multiusos das Pozas, a partir das 19:00 da tarde, e ten como obxectivo dotar dos coñecementos precisos para previr a accidentalidade.
Esta campaña, na que se inclúe a iniciativa municipal, conta con accions específicas, ademais da impartición de charlas, tales coma a distribución de chalecos e brazaletes reflectantes, e estase a levar a cabo durante este último trimestre do ano por parte das Asociacions de Voluntarios de Protección Civil e da Policía Local dos Concellos de Galicia. No caso de Mos será levada a cabo mañá por persoal da Policía Local mosense, que xa conta con experiencia neste tipo de intervencións educativas no ámbito da seguridade vial.
A actividade vai dirixida a toda a poboación de Mos e os seus obxectivos son informar dos dereitos e das obrigas do/da peón, recalcar a importancia de cumprir as normas de circulación, fomentar a atención e precaución nas rúas, e destacar a importancia de facerse ver en situacións de pouca visibilidade.











