O miradoiro da praia está de novo en uso tras a reparación realizada polo departamento de medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O miradoiro de madeira da Praia da Cocha reabriuse esta mañá, unha vez finalizada a reparación dos danos producidos hai dez días por un incendio provocado. O lume queimou varios taboleiros do solo da estrutura de madeira que se tiveron que retirar e o acceso aos peóns pechouse por motivos de seguridade.

Operarios do servizo de Medio Ambiente do Concello foron os encargados de realizar a reparación do miradoiro. A actuación, que afectou a uns 8 metros cadrados de superficie da plataforma balconada sobre o mar, consistiu na reposición de taboleiros de madeira previamente tratados para resistir a exposición ao aire libre.

Dentro do plan de traballo do servizo de Medio Ambiente, outra das actuacións que está previsto levar a cabo proximamente será a substitución da madeira a ponte peonil sobre o Con na avenida Rodrigo de Mendoza. A medida enmárcase nos traballos de mantemento que se fan periodicamente para evitar problemas causados polo deterioro da madeira.

Tanto esta actuación como a reposición do peche de madeira que albergaba os contedores de lixo do piñeiral da Concha, e que tamén foi queimado intencionadamente, levaranse a cabo tan pronto como o Concello reciba o pedido da madeira necesaria para realizar os traballos.

23 de decembro de 2013 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.