O mesense Celso Balado gaña o sorteo das X Xornadas Micolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Entrega do premio a Celso Balado

Entrega do premio a Celso Balado

O concurso da derradeira edición das Xornadas Micolóxicas do Concello de Mos, no que entraban a formar parte tódolos participantes que selasen o seu cupón nos cinco restaurantes nos que se serviron pratos elaborados con setas durante todo o mes de novembro, -tras previa consumición dalgún dos mesmos, por suposto-, xa ten o seu gañador, que esta mañá recibiu o seu premio de mans da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e da concelleira de Medio Ambiente, -departamento municipal organizador das Xornadas xunto coa Comunidade de Montes de Mos-, Julia Loureiro.

O afortunado, veciño da propia parroquia de Mos, Celso Balado Campo, recolleu deste xeito hoxe no Concello un vale polo seu premio, consiste nunha noite de hotel máis spa para dúas persoas.

E é que este ano os clientes dos cinco restaurantes participantes na décima edición das Xornadas Micolóxicas tiveron un aliciente durante as mesmas para facer a ruta ou percorrido por todos eles. A gran novidade deste ano, algo que nunca antes se organizara durante a década de vida das Xornadas Micolóxicas, foi a creación dun cupón con cinco casiñas a selar correspondentes a cada un dos cinco restaurantes participantes nas Xornadas e que, unha vez cumprimentado cos cinco selos, o seu portador podía depositalo nun dos buzóns habilitados a tal fin tamén nos cinco locais, e pasar a participar no sorteo dunha noite de hotel máis spa.

Os cinco restaurantes de Mos que ofreceron durante o pasado mes de novembro e ata o día 1 de decembro incluído pratos preparados con setas ó participar na iniciativa das X Xornadas Micolóxicas foron Adega da Tía Carmen, O Cabaliño, Tapería Lano, O Alpendre e Tapra.

Durante todo un mes os amantes das cociña e gastronomía micolóxicas puideron desfrutar da degustación dos máis variados pratos preparados e acompañados de setas e cogomelos; dende primeiros, a pratos principais e ata postres, pasando por menús degustación que incluían unha gran variedade de pratos e que algúns destes negocios de hostelería lles ofreceron tamén ós seus clientes. Houbo tamén pratos de tódolos prezos e adaptados a tódolos bolsillos, dende as tapas máis económicas ata os bocados máis sofisticados.

13 de decembro de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.