O maior parque de atraccións de Galicia, Pazolandia 2013, ofrece 8.000 metros cadrados para o ocio en Ourense

Presentación Pazolandia
No Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense presentouse esta mañá Pazolandia 2013, un evento infantil organizado pola institución provincial e que cada ano, dende 1993, converte o Pazo dos Deportes no maior parque de atraccións estacional de Galicia, coa presenza de miles de nenos e xoves durante as datas de Nadal.
No acto de presentación estiveron presentes o director xerente do Pazo dos Deportes, Ángel Cid; os asesores de Deportes e Cultura da Deputación de Ourense, Bernardino González e César Fernández, e o coordinador de Pazolandia, José Domarco, quen explicaron os detalles do programa deste ano, que pon a disposición dos rapaces de Ourense máis de 8.000 metros cadrados que acollerán unhas cen actividades lúdicas e de lecer, entre atraccións clásicas de feira, obradoiros, simuladores e ludoteca.
Pazolandia, que este ano cumpre a súa 21ª edición, abrirá as súas portas desde o día 26 de decembro ata o 4 de xaneiro, nove días de actividades en 17 sesións nas que se agarda que uns 20.000 visitantes pasen por as súas instalacións, máis de 4.000 deles rapaces dos concellos da provincia de Ourense. O prezo da entrada mantense nos 4 euros de pasadas edicións, e logo, todas as atraccións son gratuítas.
Ángel Cid explicou que unhas 80 persoas traballarán no operativo de Pazolandia 2013 entre as que figuran persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas, persoal de mantemento, montadores, coidadores, taquilleiros, Cruz Vermella, médicos, vixilantes e persoal administrativo.
Entre as novidades para esta edición figuran un incremento dos obradoiros; instalarase na cancha central a demandada atracción “Tirachinas”, que volta a Pazolandia; haberá un novo carrusel infantil e un simulador de Formula 1, e nos exteriores, e por primeira vez, se instalará a atracción “Boomerang” de 360º de xiro. Complétanse as novidades nos exteriores cunha nova atracción denominada “Espectáculo Circus”.
Uns 4.000 nenos de preto de sesenta municipios da provincia participarán este ano en Pazolandia, mediante un convenio cos seus respectivos concellos e cun prezo da entrada máis reducido. Prevese unha asistencia de público en total de ó redor de 20.000 persoas.
Asemade, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convidou por carta a unha importante representación de centros de acollida de nenos e nenas e entidades diversas de carácter benéfico, para que ningún neno da provincia, por razóns económicas, deixe de participar en Pazolandia.