O local da terceira idade de Oroso acolle unha charla sobre seguridade impartida por axentes da Garda Civil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O éxito de participación acadado pola iniciativa “Martes saudables”, que rexistrou unha media de máis de medio cento de participantes durante o mes de novembro, animou ao Concello de Oroso a organizar unha nova xornada informativa gratuíta sobre seguridade para a terceira idade. A charla terá lugar mañá martes 3 de decembro, de 17:00 a 18:00 horas, no Local da Terceira Idade, situado na rúa do Campo nº 9 (Sigüeiro). A asistencia é libre e de balde.

Esta xornada está incluída dentro do “Plan mayor seguridad”, posto en marcha pola Dirección Xeral da Policía e da Garda Civil. Efectivos da Garda Civil darán consellos aos maiores diante dunha situación conflitiva (non facer fronte ao asaltante, buscar testemuñas, fixarse nos detalles…), explicaranlles como evitar algúns timos e estafas que se están a producir na actualidade e lembraranlles os teléfonos de contacto tanto da Garda Civil (062) como o da Policía Nacional (091).

E para o martes 10 de decembro, ás 20:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro albergará unha charla sobre seguridade viaria para peóns, impartida pola Policía Local de Oroso. A iniciativa está aberta a todo o público, se ben está especialmente recomendada para os máis maiores. Ao remate da mesma, entregaranse chalecos reflectantes de agasallo a todos os asistentes.

2 de decembro de 2013 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.