O Jofre e o cine Dúplex acollerán a 1.900 estudantes de 24 centros de ensino da cidade
A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Martina Aneiros Barros, ten programado unha nova edición do ciclo de cine “En Galego de Película” , que comeza hoxe coa proxección do filme “O soño dunha noite de San Xoán”, e que se prolongará até o vindeiro xoves, día 19 de decembro. Os pases terán lugar no Teatro Jofre, para educación infantil e primaria; e no Cine Dúplex, para ensino secundario, bacharelato e ciclos foamrtivos. A iniciativa, na que colaboran a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, está dirixida ao alumnado dos distintos niveis educativos Infantil, Primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos.
Aneiros Barros sinalou que “En Galego de Película”, “é un paso máis no fomento da acción social e fomento da promoción da lingua galega no sector infantil e xuvenil”. E ao fío disto, a titular de Normalización Lingüística apuntou que “procuramos ofrecerlles aos estudantes unha actividade fóra das aulas que non é soamente un divertimento para os novos estudantes da cidade, senón que, a través dunha actividade lúdica, achégaos ao galego, ao cine e permítelles reflexionar sobre a realidade”.
Programación
As películas que se proxectarán nesta edición son tres: “O soño dunha noite de San Xoán”; “O apóstolo” e “Doentes”. Haberá dous pases, un ás 09:45 horas e outro ás 12:00 horas, aos que asistirán un total de 1950 alumnos e alumnas de vintecatro centros de ensino de Ferrol.
-Luns 16 e mércores 18 de decembro : “O soño dunha noite de San Xoán”, dirixida a Educación Infantil e Educación Primaria e será proxectada no Teatro Jofre.
-Martes 17 de decembro: “O apóstolo”, dirixida a alumnado de ESO e bacharelato e se proxectará no Cine Dúplex.
-Xoves 19 de decembro: “Doentes”, dirixida ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos e terá lugar no Cine Dúplex.











