O Jofre contará coas actuacións de José Mercé, Juan Diego e Pastora Vega a comezos de 2014
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentaron hoxe a nova programación do Jofre para o primeiro trimestre do ano 2014. O rexedor municipal salientou a variedade, pluralidade e calidade da nova oferta escénica que se poderá gozar no teatro municipal a partir do vindeiro mes de xaneiro. “A programación responde á pluralidade de gustos e inquedanzas culturais que ten unha cidade tan plural como é Ferrol”, afirmou Rey Varela.
Así as cousas, o primeiro edil ferrolán referiuse a próxima presenza de grandes artistas no Jofre, como José Mercé ou o actor Juan Diego, subliñando o feito de que asistir a estes espectáculos en Ferrol será máis económico que en calquera outro lugar da comarca ou de Galicia. Nesta líña Rey Varela insistiu “no salto de calidade da programación” nestes últimos anos e no abaratamento das entradas co obxectivo de “seguir levando xente ao Jofre”. As representacións dirixidas ao público infantil –“El Gallo de las Veletas”, Premio ao Mellor Espectáculos e Mellor Actriz en Feten 2013, ou “El Libro de la Selva”-así como a continuidade do ciclo de monólogos, foron outros dos aspectos que o alcalde destacou da proposta cultural no teatro municipal para o inicio de 2014.
Pola súa banda, o titular de Cultura, dixo que “o Jofre funciona perfectamente sen necesidade de contratar asesores, porque os mellores asesores que se poden ter son os cidadáns”. Neste sentido, García Hurtado manifestou que a programación quere responder, na medida do posible, aos intereses e gustos que manifestan os cidadáns. Ademais, o edil ferrolán fixo fincapé en dous aspectos como son a programación infantil -indicando que “os nenos e nenas son o público do futuro e sempre que programamos un espectáculo dirixido a eles temos un cheo asegurado no teatro”-, e o compromiso coa cultura galega –a través da colaboración co AGADIC-.











