O Jofre acolle grandes persecucións cheas de villanos no espectáculo do oeste “Far West”
A compañía Yllana representa este domingo, día 22, o espectáculo do xénero western “Far West” no Teatro Jofre. A actuación dará comezo ás 18:00 horas e forma para da nova programación escénica infantil e familiar da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. As entradas poderán ser adquiridas a través de internet, na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural); ou no propio despacho do teatro municipal.
Un pacífico e sinxelo granxeiro recibe, nunha polvorenta estación de tren no afastado oeste, á súa prometida. Pero antes de que poidan darse o primeiro bico, é secuestrada polos dous malvados foraxidos en busca e captura. O noso improbable heroe tentará por todos os medios ao seu alcance rescatar ao seu amor, mentres que esta, durante o seu secuestro, atopará dentro dela valores que ela mesma descoñecía, que a transformaran nunha auténtica heroína.
Homenaxe aos westerns
A través dunha epopea dos nosos antiheroes, entraremos nun mundo salvaxe e sen lei; visitaremos tribos indias, cantinas de mala morte, desertos cheos de perigos, duelos ao sol, grandes persecucións e, como en todo bo western, acción, moita acción. A compañía Yllana homenaxea con este novo espectáculo o mundo das películas do oeste que tanto estimularon a nosa imaxinación e fixeron xogar; aos seus heroes, os seus villanos, as súas fronteiras e aos homes que se atreveron a desafialas.
Creada en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, na actualidade, diversificou a súa actividade ofrecendo diferentes prestacións no mundo do espectáculo como empresa dedicada á produción, distribución e promoción de espectáculos. A súa aposta céntrase nun humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo. Tras vinte anos en escena, Yllana é xa unha empresa consolidade no sector, caracterizada pola profesionalidade e complicidade que confire a todos os seus proxectos e con infinidade de premios, recoñecementos e espectáculos que xa están na historia do teatro de comedia.