publicidade hoxe

O itinerario de inserción “actividades auxiliares de almacén” comeza o módulo de prácticas en empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Un total de 15 persoas desempregadas -10 homes e 5 mulleres- comezan hoxe as prácticas profesionais en empresas dentro do curso “Actividades auxiliares de almacén”, organizado pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol ao abeiro do proxecto “Ferrol punto de Emprego II”. Así, o alumnado participante realizará 90 horas de prácticas titorizadas en almacéns das empresas Lidl Supermercados, Bricoking Ferrol, BricoDepôt Ferrol, SportZone Ferrol, e Seur Ferrol, ata o vindeiro día 14 de xaneiro de 2014. O programa “Ferrol Punto de Emprego II” da Administración local, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten por finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

Este itinerario de inserción socio-laboral deu comezo o 5 de novembro e ten unha duración total de 280 horas. Así mesmo, o alumnado recibiu un módulo de formación teórica e práctica en manipulación de cargas con carretillas elevadoras que garante o nivel de coñecementos necesarios para o desempeño das funcións de condución de carretillas elevadoras. Ademais, o pasado día 29 de novembro, realizaron unha visita didáctica ás instalacións de Pull & Bear Logística no Polígono do Río do Pozo e está prevista outra visita similar no mes de xaneiro. O obxectivo do curso é capacitar ao alumnado para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividades e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos.

17 de decembro de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.