O ilustrador Leandro Lamas participará no festival de Nadal do CRA de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O festival de Nadal do alumando do CRA de Teo, que se celebra mañá na Casa Común de Oza, contará cun convidado moi especial. E a pesares de atoparnos nunhas datas moi concretas, este convidado non serán os Reis Magos ou o Apalpador. A visita máis especial que terán os nenos e nenas das escolas rurais de Teo é a do ilustrador galego Leandro Lamas.

O profesorado do CRA e os nenos e nenas levan traballando sobre a figura e a obra deste ilustrador novo todo o trimestre. Segundo nos explican dende a ANPA, nas últimas semanas estiveron lendo libros que ilustrou Leandro Lamas ademais de facer algúns dos seus debuxos. Entre todos fixeron un mural con figuras dos seus contos. Trátase dunha experiencia de aprendizaxe para os máis novos que deste xeito chegaron ó coñecemento da obra deste ilustrador.

O propio autor comprometeuse a visitar ós cativos/as no festival que se celebra mañá pola mañá en Oza e estará con eles a partir das 11:30 horas. Durante a mañá haberá actuacións dos nenos e nenas e tamén recibirán a visita dos Reis Magos.

19 de decembro de 2013 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.