publicidade hoxe

O II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra atraerá ao Salnés a máis de 500 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación do certame deportivo

Presentación do certame deportivo

As categorías cadete e infantil (masculina e feminina), disputarase o 6, 7 e 8 de decembro nos concellos de Cambados, Meaño, Sanxenxo e Ribadumia. Participarán 18 seleccións, das catro categorías, e viaxarán a Galicia máis de 500 persoas entre deportistas, técnicos, delegados e acompañantes. Esta competición servirá como preparación das seleccións territoriais, que disputarán do 2 ó 7 de xaneiro, en Asturias, o Campionato de España.

Así se anunciou esta mañá nunha rolda de prensa na Deputación, na que a deputada Begoña Estévez salientou o auxe que o balonmán está a ter nos últimos tempos, de forma especial na comarca do Salnés, onde se crearon dúas novas escolas desta modalidade deportiva, unha en Cambados e outra en Sanxenxo, que se suman ás que xa existían en Meaño e O Grove.

Con estas son 148 as escolas deportivas de balonmán que a Deputación, en colaboración coa Federación Galega deste deporte, ten en marcha, repartidas por toda a provincia, nas que se forman máis de 2600 nenos e nenas.

Estévez destacou o papel que estas escolas teñen á hora de achegarlles o deporte ós máis cativos, sobre todo nos concellos máis pequenos, onde a oferta da institución provincial permite que os rapaces entren en contacto con deportes que doutra forma, probablemente, non terían a ocasión de coñecer nin practicar.

A deputada fixo fincapé na relevancia do torneo internacional que vai ter lugar esta fin de semana, que nesta segunda edición non só se disputará na categoría cadete senón na infantil.

Nesta categoría (deportistas nacidos nos anos 2000 e 2001), tanto masculina coma feminina, participarán as seleccións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. En cadete, ademais das catro seleccións xa nomeadas, haberá participación internacional; na categoría masculina competirá a selección sub16 portuguesa, mentres que na feminina viaxará a Galicia unha selección da rexión holandesa de Brabant.

Será o segundo ano consecutivo que se organice esta actividade nos concellos de Cambados, Meaño e Sanxenxo. No Nadal pasado disputouse o primeiro torneo do Salnés de cadete; tanto a organización coma os concellos quedaron moi satisfeitos coa iniciativa e decidiron repetir este ano, ampliando as categorías e convertendo o torneo en internacional.

2 de decembro de 2013 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.