publicidade hoxe

O Hospital de Día Pediátrico do Materno-Infantil da Coruña transfórmase nunha fábrica de superheroes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Fundación María José Jove e o taller creativo [NO IMPORTA] veñen de unir esforzos para converter o Hospital de Día Pediátrico do Materno Infantil Teresa Herrera nun “fábrica de superheroes”. Así, co obxectivo de tentar facer máis amena a estadía dos nenos e nenas no hospital, transformaron, a través de murais, esta zona do centro sanitario cunha linguaxe visual de debuxos moi actual, nun estilo plástico que alude aos videoxogos e aos comics, buscando proporcionar aos nenos e nenas unha estética próxima a eles.

O renovado espazo foi visitado esta mañá pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez; quen estivo acompañada pola presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, pola arquitecta e representante do taller creativo [NO IMPORTA], Susana Vázquez; e polo xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Francisco José Vilanova.

Coa premisa de facer desta zona do hospital unha “fábrica de superheroes”, transformouse o entorno clínico, cos seus instrumentos e máquinas, nun ambiente de superheroes no que os aparellos son máquinas de superpoderes, ao mesmo tempo que serven de punto de partida para crear xogos e contar historias mentres os nenos e nenas están ingresados, de modo que eles mesmos, xunto aos médicos ou persoal de enfermería, se converten en protagonistas. Neste senso, [NON IMPORTA] integrou no deseño as máquinas e aparellos deste espazo, xuntando realidade e ficción, para evitar que o mural fose un mero decorado.

Para que a chegada dos nenos e nenas sexa dende o principio o máis amena posible, a historia deste particular cómic comeza xa nos corredores de acceso ao terceiro andar do hospital e se lles vai guiando ata esa “fábrica de superheroes”. Os creativos non quixeron deixar nada ao azar e ata elementos tan básicos como reixas de aire acondicionado ou difusores anti-incendios, foron tamén integrados na historia.

Efectos da hospitalización

Esta iniciativa é resultado do compromiso adquirido pola Fundación María José Jove para mellorar a calidade dos servizos, a asistencia e a estadía dos nenos e nenas hospitalizados. Neste senso, a Fundación ampara, dende 2008, un programa de telemedicina do servizo de Cardioloxía Infantil do CHUAC, que permite formar a médicos de Ferrol, Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago, establecendo pautas de seguimento de pacientes con cardiopatías conxénitas e evitando, aos pacientes e ás súas familias, desprazamentos innecesarios. Así mesmo, financia, tamén, unhas becas que permiten dotar polas tardes á ciberaula do CHUAC de monitores especializados, que se encargan de coordinar todas as actividades deste espazo pensado para facer máis doada a estadía no hospital ás nenas e nenos ingresados e aos seus familiares.

Creatividade

Para [NO IMPORTA] esta iniciativa foi “unha oportunidade de ensinar o noso traballo ao público máis sincero e coa mente máis chea de imaxinación que existe, os cativos. Por isto mesmo, foi un dos retos máis difíciles, pero, tamén, dos máis bonitos aos que nos enfrontamos e, se serve para facerlles un pouco máis felices, obteremos a nosa mellor crítica”.

Hospital de día pediátrico

O Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña inaugurou o pasado ano o Hospital de día pediátrico destinado ao tratamento ambulatorio de patoloxías e operacións cirúrxicas de pouca complexidade e que non implican o ingreso do paciente. Tamén benefícianse del nenos e nenas que se someten a probas diagnósticas que precisan dun tempo de observación hospitalaria.

23 de decembro de 2013 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.