O historiador Guillermo Llorca presenta a obra “100 anos do ferrocarril Ferrol-Betanzos” en Neda
O historiador Guillermo Llorca presentará en Neda este mércores, 18 de decembro, o seu último libro “100 anos do ferrocarril FerrolBetanzos” (Edicións Embora). Un concienzudo traballo de investigación sobre a chegada do tren a Ferrol hai agora un século. O acto, con entrada libre, dará comezo ás 20 horas na Casa das Palmeiras.
Segundo explica Manuel Pérez Grueiro, bibliotecario de Neda, este traballo, dividido en seis partes, traza un completo panorama dos antecedentes, os procesos e as xestións que desembocaron na creación deste ramal. No primeiro fai unha excelente panorámica, desde os antecedentes no transporte anterior ao tren ata a aparición do mesmo. Isto permite ver o seu verdadeiro significado e a importancia deste novo medio, como avance e modernidade. Nos capítulos seguintes amosa as dificultades, retrasos e peripecias na implantación do tren, tanto en Galicia coma na nosa zona: son moitos anos de acontecementos políticos e militares, dificultades económicas e burocráticas. Así mesmo, destaca o interese en torno á prolongación ata o porto e A Graña. Outra das partes máis destacables, segundo Pérez Grueiro, é a dedicada á vida cotiá en torno ao tren, aspecto que Llorca trata moi ben, como é habitual no seu labor.
Segundo Pérez Grueiro, o feito da edición deste libro significa tamén unha reivindicación do servizo, un chamado á recuperación e mellora do mesmo, para que se siga a brindar á poboación un medio de transporte público, colectivo, barato, pouco contaminante, integrador, que axude á desconxestión das estradas. E, ao mesmo tempo, que vertebre e relacione ós municipios presentes nesta liña férrea.











