O grupo ‘Martina quere bailar’ ofrecerá un concerto na Ágora da Coruña
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o venres 6 de decembro, o centro Ágora acolle a partir das 21.30 horas un concerto a cargo do grupo Martina quere bailar que conxuga mazurkas, bourreé, polka ou vals, entre outros estilos.
Gañadores do segundo premio no concurso Folkez Blai 2013, Martina Quere Bailar emerxe da escena de música folk de Madrid, no ano 2010. O grupo foi fundado por Sonsoles Arribas (violín), Esther Sánchez (violín) e Fabio Morgetta (acordeón diatónico), a quen se uniu Diego Sánchez (guitarra acústica).
En abril de 2011 editan Coimbra 31.12.12, primeiro traballo do grupo gravado en directo. A incorporación máis recente é Juan de la Fuente (percusión), quen completa a formación da banda como quinteto acústico. Durante estes anos de actividade sucedéronse os concertos en diferentes cidades e festivais de Europa, culminando este proceso coa gravación do seu primeiro disco de estudo Voltas e Revoltas, que viu a luz o pasado mes de marzo.
As entradas para o concerto están á venda a través de internet en www.servinova.com a un prezo para anticipada de 12 euros máis gastos de xestión e a un prezo de 15 euros en despacho de billetes. Tamén existen descontos presentando carné novo, de desempregado ou xubilado. A apertura de portas será ás 21.00 horas.