O grupo de gaitas “Airiños Novos de Pinzás” publica o seu primeiro traballo “O buraco dos mouros”
O vindeiro 29 de decembro ás 18.00 horas, o Grupo de Gaitas Airiños Novos, da Asociación Veciñal e Cultural de Pinzás, presentará no Auditorio de Goián o seu primeiro traballo discográfico, titulado “O buraco dos mouros”.
Trátase dun disco de música tradicional galega que se gravou en “Colorado Springs”, un estudo de gravación musical e postprodución de audio situado en Tomiño. Son 14 temas, e contaron coa colaboración de destacados músicos da zona.
O Grupo de gaitas-treboada “Airiños Novos de Pinzás”, naceu no seo da Asociación Veciñal e Cultural de Pinzás, coa finalidade de promover e fomentar na parroquia, actos culturais, sociais, de lecer, que mantiveran viva a relación entre os veciños e veciñas.
Na actualidade, o grupo de gaitas, está formado por 17 compoñentes con idades comprendidas entre os 7 e os 40 anos.
Explica Xuxo Antúnez, director do grupo, que este traballo “é un proxecto que naceu coa finalidade de facer concertos didácticos de música tradicional con nen@s, e para nen@s. A idade media d@s rapac@s que gravaron este disco é de 12 anos. Mil grazas a tod@s que colaboraron neste traballo, e sobre todo parabéns a estas nenas e nenos que transmiten o amor pola nosa cultura, facéndonos sentir orgullosos e ilusionados de que a manterán viva polo menos unha xeración máis”.
Os comezos da agrupación musical remóntanse ao ano 2005, cando se iniciaron as clases de baile galego. De aquí saíu o grupo “Argallada” formado por 14 rapaces e rapazas. Dous anos despois, no 2007, comezou a escola de gaitas e percusión, da man de Xuxo Antúnez. Deste grupo de alumnos saíu o grupo de gaitas “Airiños Novos”. Co tempo a este grupo achegáronse novos compoñentes que forman o grupo de bombos, conformando a actual “Treboada de Pinzás”, que dende o ano 2010 está a cargo do músico Mario Bautista.
O vídeo do “making of” da gravación pode verse en: http://vimeo.com/80286310
As clases de música tradicional da Asociación de Veciños de Pinzás tentan por en valor a cultura popular galega. “Temos claro que a única maneira de logralo é ensinando aos máis novos a vivir a nosa cultura e transmitila sen sentirse avergoñados de facelo”, explica Xuxo Antúnez.
Na actualidade a asociación traballa impartindo clases de todo tipo de instrumentos da cultura galega, e traballando en diferentes formacións, intentando representar as melodías do xeito máis tradicional posible. “O noso repertorio é na maioría melodías tradicionais, sen descartar novas melodías de moda, pero sen que teñan una liña foránea, e non entendemos a nosa música tradicional sen que sexa no noso idioma, son dúas cousas que en todas as culturas teñen que ir collidas da man, por separado non terían sentido, por iso, as nosas clases de música, son en galego”, comenta o profesor.