O goberno vilagarcián propón reducións na taxa de retirada de vehículos e no IBI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local de Vilagarcía decidiu aproveitar o prazo de exposición pública da revisión das Ordenanzas Municipais aprobadas inicialmente no Pleno do mes de outubro para presentar catro medidas que teñen como obxectivo reducir a carga fiscal dos cidadáns en tres ordenanzas. A primeira, relativa ao IBI, destínase especialmente a aliviar as economías das familias con maiores dificultades económicas cunha nova bonificación do 5% e a ampliación das facilidades de fraccionamento de pago para os contribuíntes en xeral. A segunda consiste da redución das taxas da grúa e depósito de vehículos para automóbiles de tara comprendida entre os 750 e 2.500 quilos. E a terceira é a eliminación da tarifa por renovación da tarxeta de acceso ás zonas peonís.

A proposta de modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI) xa fora anunciada hai unhas semanas polo concelleiro de Facenda, José Manuel Pardal. A primeira das medidas que propón o goberno local para reducir o impacto da subida do IBI nas economías familiares como consecuencia da actualización dos valores catastrais é reducir un 5% da cota do IBI ás unidades familiares con ingresos máximos que non superen a suma do salario mínimo interprofesional, máis 100 euros por cada membro da familia, exceptuando ao perceptor do salario. A única condición que deben cumprir os demandantes que se encontren no suposto de ser beneficiarios desta medida é que ten que ter o recibo domiciliado xa que as bonificacións aplícanse por domiciliación.

A segunda das medidas que propón o goberno local para facilitar aos contribuíntes facer fronte ao IBI é o fraccionamento do pago nos prazos que o propio interesado fixe. Trátase dunha medida xeneralizada, que poderá solicitar calquera contribuínte sen condición económica algunha e co obxectivo de que poidan acomodar os pagos as súas propias necesidades. Ademais, o goberno local propón modificar a ordenanza para recoller de forma expresa que este fraccionamento de pago queda exento do pago de intereses.

Os únicos requisitos a cumprir para beneficiarse da medida é que a solicitude de aprazamento debe realizarse durante o período de pago voluntario e que a cota íntegra do recibo ten que quedar completamente abonada ao remate do exercicio contable, é dicir a 31 de decembro dese ano.

Período excepcional de solicitude de fraccionamento para 2014

De forma excepcional, para o ano 2014 estableceríase un período de solicitude do fraccionamento de pago ata o 28 de febreiro.

Sen revisión catastral o incremento do IBI sería máis elevado

Por outro lado, o goberno local lembra na súa proposta que o tipo impositivo do IBI permanece conxelado para 2014 nos mesmos niveis que en 2013. Ademais, advírtese que de non levarse a cabo a actualización dos valores catastrais do municipio, que supón un incremento do IBI para 2014 do 6%, o Concello estaría obrigado a aplicar o artigo 8 da Lei 16/2013 do 29 de outubro, de medidas tributarias e financeiras, segundo o cal, os municipios que levasen dende antes de 2002 sen revisar a ponencia de valores catastrais, terían que elevar un 10% o IBI en 2014.

En referencia a Ordenanza reguladora da Taxa por Recollida e Retirada de Vehículos, o goberno propón reducir as tarifas para vehículos de ata 2.500 quilos de tara aos niveis que pagan os da categoría inferior, de ata 750 quilos. Así, o abono de enganche da grúa baixaría de 35 a 30 euros, o de retirada de 70 a 60 a tarifa por día de depósito e custodia reduciríanse de 34 a 14 euros.

A última proposta de modificación que plantea o goberno local é a supresión do artigo 7 da Ordenanza reguladora da Taxa por expedición de documentos administrativos, relativa á tarifa por renovación de tarxetas de acceso de vehículos ás zonas peonís que estaba fixada en 5 euros. Deste xeito, o usuarios só tería que pagar pola primeira emisión, resultando gratuíta as seguintes renovacións .

12 de decembro de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.