O goberno ferrolán acometerá o aglomerado do Camiño da Pega con achegas provinciais
O Goberno Municipal de Ferrol investirá un montante global de 246.071,56 euros en dúas intervencións comprometidas cos veciños/as no Plan de Barrios: a continuación dos traballos de mellora e mantemento do cemiterio municipal de Catabois –en que xa se levaron a cabo traballos para dotalo de novos aseos, algún deles adaptados para persoas con minusvalías- e o aglomerado da estrada da Pega, situada no contorno do barrio de San Pablo-Catabois. Estas dúas actuacións contan con achegas do Plan Provincial de Cooperación da Deputación da Coruña correspondente ao vindeiro exercicio (POS 2014); que se aprobou hoxe en Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade.
Así as cousas, a Administración ferrolá destinará 68.426,09 euros ao aglomerado da estrada da Pega. A execución destes traballos é posible co financiamento ao cento por centro das obras con cargo dos fondos provinciais e unha vez que o Concello ten resolta a disposición dos terreos, augas e servidumes. A mellora da estrada da Pega é unha demanda dos veciños/as da zona de San Pablo-Catabois, recollida polo executivo que preside Jose Manuel Rey Varela nas reunións de traballo do Plan de Barrios.
Por outra banda, e tamén dentro do Plan Provincial de Cooperación (POS 2014), a Concellería de Servizos e Medio Ambiente, que dirixe Borja Carro Muñoz, dedicará un total de 177.645,47 euros a traballos de mellora e mantemento do cemiterio municipal de Catabois. A maior parte desta contía económica financiarase con fondos municipais -139.839,68 euros-, mentres que o resto os aportará a Deputación da Coruña -37.805,79 euros-.











