O goberno de Teo leva ao pleno a anulación do contrato de abastecemento e depuración de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O goberno municipal de Teo leva ó pleno do mes de decembro a revisión de oficio da ampliación de contrato de abastecemento e depuración de auga municipal aprobada no 2007, nun dos últimos plenos do mandato de Armando Blanco como alcalde. Esta revisión pretende a anulación deste contrato que se prorrogou por 20 anos no pleno do 30 de abril de 2007 dun xeito manifestamente ilegal, con informes técnicos que alertaban desa situación e o voto en contra de todas as forzas políticas agás o PP e InTeo.

No verán do 2007, despois das eleccións locais nas que Martiño Noriega se converte en alcalde, o goberno municipal leva a pleno por primeira vez a revisión desta prórroga ilegal. Nesa sesión a proposta foi rexeitada con 7 votos en contra do PP e InTeo, 6 votos a favor do goberno e 4 abstencións do PSdG-PSOE. O pleno de agosto de 2007 ratificaba “de facto” a prórroga do citado contrato que se xestionou nos últimos anos “asumindo todas as obrigas e os poucos beneficios establecidos na mesma” segundo explica o edil de Urbanismo, Rafael Sisto.

Non obstante en maio deste ano a empresa concesionaria do servizo, Aquagest, solicita por medio de dous escritos presentados no rexistro, unha petición de incremento de tarifas, que segundo os servizos técnicos supoñen unha nova modificación contractual, que non se pode realizar.

Ante esta nova situación o goberno teense proponlle ó pleno a revisión deste acordo por considerar que está incurso nunha causa de nulidade e pedir que o Consello Consultivo de Galicia dictamine sobre a declaración de nulidade do acordo aprobado en abril do 2007.

18 de decembro de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.