publicidade hoxe

O Fondo de Compensación Ambiental permitiu mellorar 6 quilómetros de camiños no Concello de Friol por 61.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriol
A-
A+

A Xunta de Galicia investiu 60.860 euros nas obras de mellora de 5,9 quilómetros de camiños no concello de Friol, sufragadas a través do Fondo de Compensación Ambiental.

A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, visitou esta mañá o concello para comprobar o remate dos traballos e estender a correspondente acta de finalización. Durante a visita estivo acompañada polo tenente de alcalde, José Angel Santos.

Un dos proxectos de máis entidade dentro do conxunto consistiu na reparación e limpeza dos viais de circulación interna do núcleo de Bidueiro, na parroquia de Nodar. Así mesmo, procedeuse á mellora dos principais viais de circulación interna do núcleo de Guldriz de Arriba, da vía de acceso al conxunto de vivendas de Cerracín, da conexión entre Xiá e Fonteseca, o desvío que une a estrada Friol-Parga (LU-232) co núcleo de Cela, e tamén do tramo que enlaza a citada estrada LU-232 con Sisto, na parroquia de Devesa.

En todos estes tramos realizáronse traballos de desbroce e limpeza de cunetas, barrido e limpeza da superficie do firma, preparación das zonas danadas, acabado do firme cun tratamento superficial de dobre rego de betún e pintado da marcas viais necesarias.

O Fondo de Compensación Ambiental, posto en marcha pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, permite aos concellos a realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego e distribúense entre todos os concellos cuxo territorio municipal estea dentro da delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

Esta iniciativa reflicte un triplo compromiso da Xunta, co medio ambiente, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para os concellos, e por último co reequilibrio territorial, “dado que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais da comunidade galega”.

4 de decembro de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.