O Fondo de Compensación Ambiental destina 55.000 euros aos concellos de Sobrado e Boimorto
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asinou hoxe cos alcaldes de Boimorto, Ignacio Portos, e de Sobrado dos Monxes, Jacobo Fernández, a acta de conformidade para a concesión dunha achega de 55.542 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. Ambos municipios presentaran unha proposta conxunta para optar ás axudas a través da liña competitiva.
Con estes fondos, os dous concellos adquiriron unha máquina cargadora retroexcavadora para a realización de traballos de carácter medioambiental nos dous termos municipais. O importe da subvención acada o 70% do orzamento total do proxecto.
Do Campo recordou que, ademais, estes dous concellos recibirán preto de 50.000 euros a través da liña non competitiva do plan, ao atoparse o seu territorio dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectado pola correspondente instalación de conexións ou vía de evacuación. Neste caso, os proxectos presentados polos concellos serán financiados na súa totalidade a través do Fondo de Compensación Ambiental.
As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, a máxima representante do Executivo galego na provincia destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios para que puidesen dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, como novidade para este exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental poden tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, apuntou.